Por Europa Press / Redacción | Santiago | 24/04/2023 | Actualizada ás 18:10
O Consello Galego de Relacións Laborais acollerá na mañá do mércores un encontro entre a patronal do sector do transporte de viaxeiros e os sindicatos CIG, CC.OO. e UGT, que manteñen a súa convocatoria de folga para os días 27 e 28 de abril en demanda dun novo convenio colectivo.
O encontro de empresarios e representantes dos traballadores está convocado para as 10,00 horas da véspera da primeira da dobre xornada de paros que toman a testemuña da folga celebrada o pasado 31 de marzo.
Os sindicatos reclaman avances no proceso para negociar un novo convenio colectivo nas catro provincias galegas que inclúa a actualización das táboas salariais ou a modernización da "obsoleta" frota de autobuses para un sector que, segundo denuncian, atravesa "o peor momento da súa historia" pola "precarización" das condicións laborais e as "deficiencias" na prestación dos servizos.
CIG, Comisións e UGT, que advirten que de non haber avances están dispostos a unha folga indefinida a partir do próximo 8 de maio, sairán ás rúas de Santiago este martes para, primeiro, concentrarse ante a estación de autobuses a partir das 11,00 horas e, máis tarde, marchar en dirección ao Parlamento de Galicia.
XUNTA INSISTE EN QUE É "REIVINDICACIÓN SALARIAL"
Na liña do manifestado sobre a primeira folga convocada polos traballadores do transporte de viaxeiros esta primavera, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, volveu a incidir en que este conflito é "consecuencia dunha reivindicación salarial" que os sindicatos manteñen coa patronal.
A preguntas dos medios este luns despois de participar nun encontro con representantes do sector de transporte de mercadorías, Vázquez apuntou que o Goberno galego ten a "man tendida" para exercer de mediador entre as partes dun sector no que, como recalcou, a Xunta inviste 120 millóns de euros anualmente para a prestación do servizo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.