Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2023 | Actualizada ás 16:36
Un centenar de persoas concentrouse este sábado fronte ao edificio administrativo de San Caetano en contra da explotación da mina de San Finx (Lousame), "un desastre ambiental" para a ría de Muros-Noia do que responsabilizan á Xunta de Galicia.
Os patróns maiores de Noia e de Portosín, Santiago Cruz e Isaac Gaciño, xunto ao portavoz da plataforma local, Rogelio Santos, foron os encargados de ler o manifesto da concentración, no que apuntaron directamente ao Goberno galego e ao Partido Popular.
"Non imos permitir ningún tipo de toxicidade na nosa ría. Son moitos postos de traballo (40.000 entre directos e indirectos, segundo citaron), moitas bocas que alimentar. Non imos parar aquí. Non podemos permitir que a calidade do produto e tamén das nosas praias, que tamén vivimos do turismo, sexan contaminados. Debemos loitar todos con forza e dar a entender que o desastre non se vai permitir", defenderon.
Aseguran que o Executivo galego debe "corrixir" as súas políticas ambientais, "que son un fracaso" e lembran que Augas de Galicia ten "a obrigación" de velar pola calidade das augas. "E consentiron á empresa mineira verter auga contaminada durante seis anos sen analizar e sen tratala", acusaron.
"A Xunta non está a facer suficiente para evitar este desastre. Non comprendemos como a conselleira do mar e o presidente Rueda están en contra dos pobos mariñeiros nesta catástrofe e están a favor das verteduras pesadas e contaminantes na mina, que causarán un dano irreparable e a ruína de todo o sector".
Aproveitaron tamén para facer un chamamento aos alcaldes populares para que se unan ás súas reclamacións. "Antes van os pobos mariñeiros e despois as ideoloxías políticas. Se os pobos van á quebra, tamén van os concellos", advertiron.
Ademais dos alcaldes, interpelaron directamente a Alfonso Rueda para que "se poña á altura das circunstancias e corrixa esta inxustiza". "A mina de San Finx é un desastre ambiental e a Xunta é a responsable. Pedimos a paralización da mina por non cumprir a lei ambiental", incidiron.
"Pertencemos á xeración de mariñeiros que máis normas ten que cumprir para o coidado e respecto ao mar, pero parece que iso á mina non lle aplica. Parece que poden facer o que lles dea a gana. E non queremos que pase como en Aznalcollar ou no Mar Menor, non queremos ver os peixes flotando para dicir que paren e respecten o mar", concluíron.
PRESENZA POLÍTICA
Por outra banda, na concentración tamén participaron rostros da política galega como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e as tamén nacionalistas Ana Miranda e Teresa Egerique, así como o secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas.
Teresa Egerique quixo apuntar que o BNG se suma ás reivindicacións dos veciños, entre elas, que se paralice a autorización de vertedura da Xunta e que dado que a explotación carece de estudo de impacto ambiental desde 2009 e por tanto, "é ilegal", que se "reinicie todo o procedemento con todas as esixencias da lei".
"Queremos preguntar tamén cantos PP hai. Aquí hai unha parte, algúns alcaldes da ría de Muros-Noia defendendo aparentemente a súa ría e comarca, e con todo, en San Caetano hai un Goberno galego e un PP absolutamente en contra da ría e da comarca, e a favor das grandes empresas e irregularidades que se cometan, consentidas pola Xunta, precisamente para que se poidan instalar. Así que pedimos tamén aos alcaldes do PP que insten aos seus, ao Goberno galego a que paralice o procedemento e que empezo de cero ata que se cumpra a lei", comentou.
Para o socialista, "constátase como os veciños dan un berro en defensa da ría, dos postos de traballo e da riqueza da zona". "Estamos fronte a unha actuación por parte do Goberno galego e do Partido Popular que dá as costas aos veciños, ante unha falta absoluta de sensibilidade co principal motor económico da ría", lamentou.
Censurou, así mesmo, que "quen ten que escoitar, non escoite e non defenda os intereses dos que debe defender". "Estamos a falar de que alí se produce o 60% do berberecho a nivel mundial. Queda de manifesto que o Goberno galego e Alfonso Rueda están totalmente fóra da realidade, cun equipo totalmente esgotado que non detecta as necesidades e demandas. Estamos ante a constatación do fin de ciclo do PP fronte á Xunta", afirmou.
CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, insistiu este sábado en que a depuradora autorizada por Augas de Galicia en relación á mina de San Finx "cumpre" coa lexislación vixente.
Nunha entrevista concedida en Radio Galega e recollida por Europa Press, a conselleira explicou que o que autorizou Augas de Galicia foi a vertedura dunha depuradora, "é dicir, unha iniciativa ambiental para garantir a calidade da auga da ría".
"Non se autorizou en ningún momento unha explotación mineira. A instalación da depuradora cumpre con requisitos moi estritos. E os expedientes administrativos non se tramitan en función de gustos políticos, senón cumprindo estritamente a lexislación vixente", relatou. Remarcou que a depuradora cumpre "coas lexislacións pertinentes". "O que facemos é traballar pola calidade das augas da Ría de Noia", comentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.