Pontón recrimina a Feijóo e a Rueda non esixirlle responsabilidades a Baltar logo da sanción de tráfico

"Temos un presidente da Xunta desconectado da realidade da mocidade con 16.500 galegos e galegas esperando por unha vivenda protexida", sinalou a portavoz nacional do BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2023 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no mitin de presentación da candidatura do BNG en Laracha, encabezada por Carolina Castiñeiras, onde animou aos mozos a "ser motor do cambio real" o próximo 28M para "construír unha nova Galicia concello a concello".

Respecto da candidata, Pontón defendeu que combina "experiencia e renovación e que inclúe moita xente nova". "Coa forza da mocidade podemos conseguir que Galicia tamén sexa un país para a xente nova, porque sabemos que o futuro pasa porque a mocidade quede aquí e atribuírlle todo o seu potencial e capacidade", explicou.

Parte dese futuro, argumentou, pasa polo acceso á vivenda, "imprescindible para poder emanciparse e formar os proxectos de vida". "Pero o que temos é un Goberno do PP que dinamitou a política de vivenda protexida mentres os prezos non deixaban de crecer, ano tras ano. Temos un presidente da Xunta desconectado da realidade da mocidade con 16.500 galegos e galegas esperando por unha vivenda protexida", sinalou.

Ademais, a portavoz nacional volveu tocar o caso Baltar e ao silencio "absoluto" de Rueda e Feijóo na romaría do Pino sobre o feito de que o presidente do PP en Ourense, e tamén presidente da Deputación, fóra multado por conducir en coche oficial a 215 quilómetros por hora, incorrendo nun presunto delito contra a seguridade viaria.

"Feijóo e Rueda non tiveron nin un minuto para desculparse antes os galegos e as galegas, nin para esixirlle responsabilidades a Baltar, nin para pedirlle a dimisión, e o que nos preguntamos é se o señor Baltar manda máis que Feijóo e Rueda e por iso calan e miran para outro lado ante uns feitos inaceptables dun cargo público convertido nun perigo para a seguridade viaria, usando un coche oficial sen que se saiba que axenda institucional xustifica unha viaxe con fondos e recursos públicos", denunciou.

Considera que a situación é "insustentable" para Rueda, "que debe esixir a dimisión" de Baltar. "Rueda ten que aclarar se non lle pide a dimisión porque está de acordo co comportamento de Baltar ou porque manda máis que el, recalcou. Preguntada polas enquisas publicadas este domingo, a líder do Bloque indicou que sempre as analiza "con prudencia porque os mesmos ingredientes, segundo como se cociñen, dan resultados diferentes".

"Mostran tendencias e, no caso do BNG, mostran que é unha forza en alza e a opción de referencia para todas as persoas que queren un cambio político, esa cidadanía que nos deu a responsabilidade de liderar a alternativa ao PP. Vexo nos actos e nas rúas que crece a corrente de simpatía cara ao BNG e estou convencida de que o 28M imos superar todas as enquisas como xa fixemos nas pasadas eleccións galegas", concluíu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na Laracha. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na Laracha. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta