Reaccións ao 1 de Maio. Pontón pide "saída xusta" da crise de prezos e "escandalosos beneficios" para empresarios

Ana Pontón incidiu en "as dificultades" pola que pasan os e as traballadoras para chegar a fin de mes. Formoso reivindica o labor do Goberno central coas subas salariais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2023 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou unha "saída xusta" ante unha crise dos prezos con "escandalosos beneficios" para sectores como as eléctricas ou a banca, segundo expuxo na manifestación convocada pola CIG en Vigo con motivo do Primeiro de Maio.

Nela, e en declaracións aos medios, incidiu en "as dificultades" pola que pasan os e as traballadoras para chegar a fin de mes e incidiu en que "o incremento do beneficio empresarial está moi por encima da clase traballadora, sete veces máis que os salarios".

Neste contexto, argumentou Pontón, "non é normal que PP e PSOE sigan pondo o foco nun pacto de rendas, porque iso significa é que os traballadores e as traballadoras paguen de novo os pratos da crise, mentres o Goberno do Estado e da Xunta son incapaces de pór sobre a mesa medidas efectivas para garantir salarios dignos para poder vivir".

En particular, arremeteu contra a xestión do PP na Xunta. Del, dixo que está "instalado na prepotencia e desconectado da realidade da xente corrente, incapaz de tomar medidas a favor da maioría social".  "Porque goberna para unha minoría como demostra o pelotazo fiscal de 33 millóns de euros ás persoas máis ricas de Galicia mentres retira o cartón básico para axudar as familias que máis o precisan", denunciou.

Por outra banda, sobre o Primeiro de Maio, insistiu en que hai "unha contrarreforma laboral que non se derrogou". "Aí están a se consolidar os recortes nas pensións impostos polo PP ou agora o incremento do cálculo da prestación que vai diminuír as pensións do futuro, algo moi preocupante nunha Galicia que xa ten pensións por baixo da media, e aí segue a lei mordaza".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa na manifestación da CIG do Primeiro de Maio. JAVIER VÁZQUEZ
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa na manifestación da CIG do Primeiro de Maio. JAVIER VÁZQUEZ

FORMOSO

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou a xestión do Goberno en materia laboral, con motivo da mobilización do Primeiro de Maio en Vigo, á que asistiu xunto a outros dirixentes políticos.

"Hoxe é un día de celebración, non é para estar totalmente satisfeitos pero si que estamos no bo camiño para recuperar dereitos dos traballadores e traballadoras", sentenciou en declaracións aos xornalistas.

Así, dixo que nesta lexislatura foise capaz de "subir o salario mínimo interprofesional ata un 40% en catro anos". "Tamén de reformar o mercado laboral, en contra do PP, unha reforma na que, por unha vez, impera claramente a fixeza laboral en sectores que o demandaban desde hai décadas". E é que Formoso contrapuxo a xestión dos socialistas á dos populares ao citar tamén a nova Lei de Pensións Públicas coa que dixo queda "garantido" o sistema de pensións.

"Para que non volva quedar a hucha sen fondos como pasou con Mariano Rajoy", apostilou Formoso, quen reprochou tanto ao expresidente do Goberno como ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e ao titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, a súa política nesta materia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta