28M.- CRTVG cubrirá a Vox por ser "grupo político significativo" aínda que non teña edís

Disporá de 20 segundos nos principais bloques electorais tanto da Televisión de Galicia como da Radio Galega.

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 04/05/2023 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

O plan de cobertura da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para as próximas eleccións do 28 de maio (28M) inclúe nos seus bloques informativos de actualidade electoral a Vox a pesar de que a formación non logrou representación en ningunha corporación galega nos últimos comicios locais de 2019. O motivo é que o recoñecen como "grupo político significativo".

Vox foi excluído catro anos atrás do plan de cobertura dos medios públicos galegos e, entón, presentou un recurso e a xunta electoral deulle a razón recoñecéndoo como grupo político significativo baseándose fundamentalmente nos resultados que obtivera nas anteriores eleccións xerais.

Neste caso, o propio documento de cobertura que propón a CRTVG, ao que tivo acceso Europa Press, identifica como grupos políticos significativos a partidos, federacións ou coalicións que presenten candidatura en municipios que comprendan "polo menos ao 50% por cento da poboación de dereito nas circunscricións incluídas no ámbito de difusión dos medios".

Así mesmo, arguméntase que se recoñece tamén esta condición a formacións políticas que concorran ás locais e cumpran o requisito anterior, e que, a pesar de non presentarse ás anteriores eleccións equivalentes ou non ter representación nelas, con posterioridade, en recentes procesos electorais e no ámbito de difusión do medio, obtivesen un número de votos igual ou superior ao 5% dos votos válidos emitidos.

As posteriores eleccións ás locais de 2019, agrégase e o plan de cobertura, son as xerais dese mesmo ano e as autonómicas de 2020. Aínda que tamén quedou fóra do hemiciclo galego, Vox si que ten representación no Congreso dos Deputados. Nesta conxuntura, disporá de 20 segundos nos principais bloques electorais tanto da Televisión de Galicia como da Radio Galega.

REPARTICIÓN DE TEMPOS

En concreto, a repartición de tempos nos bloques de información electoral da TVG que se pon sobre a mesa son de 1 minuto e 43 segundos para o PP, 1 minuto e 42 segundos para o PSOE, 40 segundos para o BNG, 20 segundos para Vox e 15 segundos para outras formacións.

Na Radio Galega os tempos asignados para as distintas formacións nos 15 días de campaña serán de 2 minutos e 5 segundos para o PP, 2 minutos e 3 segundos para o PSOE, 48 segundos para o BNG, 20 segundos para Vox e 15 segundos para outras candidaturas.

VOX EXCLUÍDO DOS DEBATES MUNICIPAIS

Ademais de informar sobre a súa actividade no bloque reservado a "outros", formacións que, a diferenza de Vox, si que teñen concelleiras nas principais corporacións terán presenza noutros espazos. Por exemplo, nos debates de candidatos nas cidades que propón a CRTVG entre os días 15 e 24 de maio; ou nas entrevistas radiofónicas.

De feito, no caso dos debates das cidades, o plan de cobertura constata que a participación nos mesmos restrinxirase exclusivamente ás cabezas de lista de cada formación política con representación na Corporación municipal --o que sitúa fóra dos mesmos aos candidatos da formación de Santiago Abascal--.

Os debates televisados dos candidatos de Vigo proponse para o 15 de maio; para o 16, o da Coruña; 18, Ourense; Lugo, o 19 de maio; Santiago, o 22; Pontevedra, o 23; e Ferrol, o 24 de maio.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA)
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta