Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/05/2023 | Actualizada ás 18:12
'+Cuñados', a segunda parte da película 'Cuñados' estreada en 2021 e que se roda estes días no centro histórico da capital ourensá e na comarca do Ribeiro, terá o Entroido ourensán como protagonista.
Este venres tivo lugar a presentación da rodaxe no miradoiro de San Francisco, en Ourense, coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar, o produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco, o director da película; Luís Avilés, e algúns dos protagonistas da cinta, na que repiten Xosé Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rei, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal.
A nova entrega contará as peripecias que lle suceden aos cuñados mentres gozan do Entroido entre o Xoves de Comadres e o Martes de Entroido. A historia arrinca coa aparición dun cadáver no medio da ponte internacional de Tui, dous anos despois da detención de Alicia e o seu socio portugués.
Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense coa intención de blanquear o diñeiro do botín; pero, con Modesto xa convertido nun cuñado máis da familia, aparece en Ourense Andreia Nunes; a parella do portugués detido buscando vinganza "convertendo o Entroido ourensán nun auténtico baile de máscaras".
"Como ourensán quería rodar aquí e ademais reivindicar a comedia como gran xénero que lle falta ao cinema galego", manifestou Blanco antes de dar paso ao director, Luís Avilés, que sinalou que se trata de "un reto por partida dobre", primeiro porque "parte dun éxito" e en segundo lugar porque se trata da súa primeira comedia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.