Por Galicia Confidencial | Bertamiráns | 03/03/2015 | Actualizada ás 20:29
A renuncia prodúcese catro anos despois da dimisión de Ángel Espadas como concelleiro do PP de Santiago, tras ser sorprendindo durmido e peneque ao volante. En novembro de 2014 quen dimitía era o alcalde de Santa Comba, vila próxima a Compostela, Antonio Lavandeira, tamén sorprendido nun control. Por último, o ano pasado marchouse Gustavo Carro, edil en Mugardos, despois de negarse a pasar un control de alcolemia.
Moar declarou esta mañá no xulgado, tras ser sorprendido o venres nun control da policía local en Bertamiráns, población do seu propio municipio. O político pide "perdón a cidadanía" nun comunicado público no que presenta esta "decisión dolorosa" como produto da "exemplaridade" que deben ter os cargos públicos.
O PP de Ames vese forzado a mover a bancada rapidamente, pois queda arestora con catro concelleiros, dous menos que o PSdeG e os ex-populares de Pacto por Ames. Esta semana dimitía Eugenia Martín, a outra tenente de alcalde. O municipio informa que "as áreas serán repartidas entre os concelleiros que conforman o goberno municipal e das que se dará conta nos vindeiros días".
O Concello evita referirse aos motivos da demisión de Moar, só sinala que é debido a "un feito acontecido esta fin de semana relacionado cun incidente de tráfico". Hoxe mesmo a súa Xunta Local de Seguridade de Ames aprobou un plan de actuación nos centros educativos e unha campaña de seguridade viaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.