Por Galicia Confidencial | Touro | 14/05/2023 | Actualizada ás 20:40
Sandra Reyes e Modesto Ochoa, defensoras da terra e dos dereitos humanos de Honduras, encontráronse hoxe con representantes de diversos colectivos ecoloxistas da zona de Touro nun intercambio de experiencias arredor da protección medioambiental. A conversa estivo acompañada dun percorrido da man da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non polas áreas máis afectadas da actividade mineira.
“Dependemos de nuestro planeta, ¿por qué no lo defendemos?”, así comezou Modesto Ochoa a súa intervención no Campo da festa de Bama (Touro) ante a atención de 20 veciños e veciñas da zona. Un reclamo que dá sentido e resume á perfección este encontro entre representantes da sociedade civil galega e hondureña.
Os retos ambientais que enfronta o país centroamericano son moi similares aos que podemos atopar no noso país: macroproxectos empresariais de minería, eólicos, parques fotovoltaicos etc. “O propio nome da xira Futuro en común é moi acaído. O que se pretende precisamente é unir loitas de distintas comunidades nas que todas pedimos o mesmo, ter un futuro, un futuro que defenda a nosa terra, os nosos medios de vida e que protexa ás persoas que habitamos nela. Sepáranos un océano, pero únenos unha loita”, comentan representantes da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non a través dun comunicado.
A visita comezou pola mañá, cun percorrido polas áreas máis danadas pola actividade mineira. Sandra e Modesto puideron así "contemplar en primeira persoa as augas dos ríos que, como as súas, perderon a cor, a vida e a salubridade". O paso por Touro rematou no local social, no Campo da Festa de Bama. Alí, representantes de Verdegaia, Sos Suído Seixo, Ecoloxistas en Acción, Fundación Montescola, Amigos da Terra, Asociación TralaPena e Cheiros Non e veciños e veciñas da zona compartiron experiencias coas convidadas e uniron forzas para seguir construíndo futuro xuntas.
Esta xuntanza forma parte das xornadas “A defensa da terra, unha loita global”
organizadas pola Coordinadora Galega de ONGDs e financiadas pola Axencia Española de
Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.