Rexeitado o recurso de Vox que pedía a súa participación nos debates e entrevistas electorais da CRTVG

Tamén se rexeitou outro recurso do BNG

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2023 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Os dous recursos presentados contra o Plan de Cobertura posto en marcha pola CRTVG con motivo das eleccións municipais do próximo 28 de maio foron rexeitados. Diso informou a corporación nun comunicado, no que explica que este venres a Xunta electoral central comunicou a súa decisión sobre o último recurso que quedaba por resolver, o presentado pola formación política Vox, que pedía a súa participación nos debates e nas entrevistas reflectidas no plan de cobertura.

Segundo apunta a CRTVG, a resolución recoñece a Vox a condición de grupo político significativo --como xa se recollía no propio plan--, pero non avala a súa participación nos debates e entrevistas ao non ter representación actualmente en ningún dos consistorios en xogo.

A corporación lembrou que o pasado 8 de maio a xunta electoral provincial desestimou tamén o recurso presentado contra o Plan de cobertura, neste caso, por parte do BNG, que introducía cinco alegacións ao documento aprobado.

Entre outras cuestións, o Bloque presentou recurso por entender que "os medios públicos minimizaban a difusión dunha información fundamental para a cidadanía, relegando a horarios de moi escasa audiencia entrevistas e debates". Ademais, os nacionalistas consideraban "desproporcionado" o tempo asignado a forzas como Vox e vían "incompleto" o plan por non especificar a programación especial da xornada electoral. Tamén pedían a realización de entrevistas aos principais candidatos en horarios e formatos de maior audiencia.

Pola súa banda, a CRTVG sinalou que a xunta electoral provincial desestimou todas as alegacións e resolveu que "a potestade organizativa dos medios de comunicación no exercicio da súa autonomía informativa" fai que "non poidan someterse a revisión os seus criterios sobre o obxecto do debate convocado", salvo "discriminación ou arbitrariedade", cuestións que considera que "non concorren" no caso.

Deste xeito, a corporación sinala que, ao non existir máis recursos presentados ante os organismos competentes, o Plan de cobertura da CRTVG queda referendado na súa totalidade.

Estudio da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) preparado para un debate electoral
Estudio da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) preparado para un debate electoral | Fonte: CRTVG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta