A resposta que precisa a razón

Non deixo de recoñecer a pegada da dimensión relixiosa en moita xente incluso no mundo científico e do coñecemento, pero estou menos disposto a aceptar calquera tipo de condición por calquera fe ou relixión.

Por Fermín Paz | As Pontes | 17/03/2015

Comparte esta noticia
Ningunha das ameazas ou promesas que fixo un dos “grandes” partidos españois ( o outro “grande” sempre se dixo confesional) para revisar o Concordato, materializaron nalgunha  decisión  para que o Goberno do Estado  renegociara os acordos do 1979. Supoño que neste período electoral aparecerá de novo, tal asunto. Conformaría eu, cunha modificación do texto na santificada Constitución na que  se reflectira, a  laicidade real do Estado. A non confesionalidade,  no mellor dos casos, só se pode interpretar (como fai a xerarquía da Igrexa Católica), do seguinte xeito: o Estado non defende nin discrimina ningunha fe relixiosa. Afirmo eu, sen medo a trabucarme, que dita fe e a súa Igrexa, están discriminadas positivamente na lexislación española e sen dubidas, nos acordos Estado Español-Santa Sede.
 
Namentres uns adican a súa oratoria as ameazas ou as promesas, quen profesa e defende dita fe, segue na ofensiva. Non cabe mirar o asunto das clases da materia de relixión e a súa toma en consideración nas notas académicas, doutro xeito, como antes fixeron coa lei do aborto, etc... Vai sendo tempo dun debate en profundidade, clarificador e  con consecuencias.
 
Nestas latitudes, despois de centos de millóns de vivencias e un longo camiño cheo de atrancos, dúas correntes de pensamento,  evolucionismo e creacionismo, confrontan e tratan de dar respostas acaídas as preguntas vitais que tod@s nos facemos.
 
Estou convencido que formamos parte da corrente da evolución. Na dialéctica do Universo, imos a pouquiño pero coa proa mirando sempre ao futuro  e poida que atopemos a verdade apoiándonos na ciencia e na razón. Non é menos certo que na popa, traemos diferentes tradicións, saberes e pegadas filosóficas, relixiosas, ideolóxicas,... Tamén hai quen nega, a irrealidade do pasado e do futuro, situándose, nun agora exclusivista.
 
A teoría na que se apoia o evolucionismo, aínda que hoxe xa é aceptada de xeito maioritario,  ten contrarios sen esquecer os oportunismos e as lecturas interesadas que  trataron de aproveitala, para soster  falsas argumentacións. Tanto foi así, que   dita teoría foi xustificación das diferenzas sociais e raciales, aínda que o seu autor dixera, ” é absurdo falar que un animal é superior a outro". Logo da publicación da Orixe das especies en 1859, os críticos  rían da súas argumentacións na loita pola existencia como unha xustificación malthusiana do capitalismo industrial inglés da época. O término Darwinismo foi aproveitado por outros, entre eles, por Spencer na aplicación do principio de "supervivencia do máis adaptado" para construír a teoría do progreso no “libre mercado”. E no me esquezo, das ideas racistas de Ernst Haeckel sobre do desenvolvemento humano, pese a que Darwin criticou as ideas racistas, comúns na súa época. Era un firme contrario da escravitude, a "clasificación das chamadas razas do home como especies distintas" e os abusos contra os pobos nativos.
 
A idade amplamente aceptada do Universo, segundo as estimacións da relatividade xeral, é de 13.800 millóns de anos, baseándose en que todo o que existe ocupou nun principio un único punto infinitamente denso, ou singularidade. Só logo, desde  dito punto comezou a expandirse nunha grande explosión (Big Bang), que fixo que o universo comezase oficialmente. 
 
Teño que recoñecer que ata o século XVIII a corrente do creacionismo tiña unha pegada moi forte. Logo, chegaron os avances tecnolóxicos que permitiron ir fornecendo a teoría evolutiva  e da relatividade, por iso, a súa aceptación maioritaria. Non houbo concesións bondadosas senón probatoria científica. Aínda así, podemos atopar contrarios e oportunistas de toda caste que non aceptan a resposta dada pola ciencia á pregunta ¿do como?. Din que a resposta xenética da condición humana nesta teoría demostrativa ten só unha perspectiva antropolóxica  e no caso da relatividade, a fisico-matemática, pero  que ámbalas dúas, esquecen, a luz da  revelación divina. 
 
No febreiro do presente ano, falouse dun novo estudo que cuestiona o Big Bang  e afirma que o universo existe de sempre. Paréceme ben, sempre hai que  estar abertos a revisar e debater calquera “verdade”  e para iso, os dous bandos, deberíamos ter e mostrar disposición. 
 
Non quero  perder o fío do confronto e quixera sintetizalo do seguinte xeito, é mais doado crer que saber.
 
Pero aínda queda camiño e quen sabe si algún día chegaremos a verdade da razón ou a fe, seguirá orientando a vida de moita xente.
 
Non se atopou unha resposta científica do porqué da orixe do ser humano e do universo. Noutras verbas, que a especie humana sexa consecuencia dun proceso evolutivo xeral,  non chega a  explicar o porqué da nosa existencia transcendente, ou da alma na dimensión relixiosa, e tampouco, porqué a necesidade de expansión do universo.
 
Non quixera rematar este pequeno percorrido por un asunto tan importante sen dar unha pequena vantaxe, mais aparente que certa, @s creacionistas, cunha cita de Stephen W.Hawking, da súa obra coñecida, Historia do tempo (1988), onde se preguntaba polo porqué  do seguinte xeito, “... por que existe o universo e porque existimos n@s?”, e dicía, si atopásemos unha resposta a isto, sería o triunfo definitivo da razón humana, porque entón coñeceriamos o pensamento de Deus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.