A participación sobe en Galicia máis dun punto e sitúase no 35,58% ás 14,00 horas

A nosa comunidade está lixeiramente por baixo da media nacional

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2023 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

A participación nas eleccións municipais ata as 14,00 horas en Galicia sitúase no 35,59%, co 98,37% das mesas comunicadas, segundo os datos ofrecidos na páxina web do Ministerio do Interior, o que supón 1,38% máis que en 2019, cando se situaba no 34,20%.

Neste primeiro avance, Galicia está lixeiramente por baixo en canto á participación nestes comicios locais en comparación co dato estatal (36,61% co 97,32% escrutado fronte ao 35,10% de 2019).

Por provincias, a participación ás 14,00 horas alcanzou o 34,01% na Coruña (+1,11%); o 38,02% en Lugo (+3,85%); o 39,58% en Ourense (+2,04%); e o 35,31% en Pontevedra (+0,67%).

MÁIS DE DOUS MILLÓNS DE ELECTORES

Ás eleccións deste domingo 28 de maio están chamados ás urnas 2.225.962 galegos, o que supón uns 22.600 menos que nos últimos comicios de 2019, segundo datos do censo electoral publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que recollen que só Pontevedra gaña en número de votantes.

En concreto, uns 924.407 electores coruñeses poderán elixir os seus alcaldes este domingo, o que supón case 6.350 menos que fai catro anos. Deles, 2.297 son estranxeiros. En Lugo están chamados ás urnas 270.272 persoas (case 9.270 menos), das cales 1.173 son estranxeiros. En Ourense, a cifra queda en 255.523 (-7.121 persoas), das que 2.633 son estranxeiros.

Pola súa banda, en Pontevedra poderán exercer o seu dereito ao voto 775.760 persoas, das que 3.337 son estranxeiras. Isto supón situarse como a única provincia galega que gaña electores, con algo máis de 80 novos votantes. A nivel nacional, este 28 de maio poderán votar 36.585.840 electores.

Varias persoas exercen o seu dereito a voto na mesa electoral do local parroquial de Recelle, nunha mesa que agrupa a varias aldeas da contorna, a 28 de maio de 2023, Portomarín, Lugo, Galicia.. Carlos Castro - Europa Press
Varias persoas exercen o seu dereito a voto na mesa electoral do local parroquial de Recelle, nunha mesa que agrupa a varias aldeas da contorna, a 28 de maio de 2023, Portomarín, Lugo, Galicia.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta