Unha "capela contemporánea" inspirada no Camiño, a última obra de Acisclo Manzano no Gaiás

Entre as figuras hai algunha chiscadela á mitoloxía do Camiño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2023 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

O Bosque de Galicia situado na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, conta cunha intervención artística do escultor Acisclo Manzano. A obra, denominada 'O prisma dos sentidos', foi concibida como un lugar de recollemento e meditación espiritual, e evoca as formas dunha capela contemporánea erixida na contorna do monte Gaiás.

A inauguración da instalación artística foi este martes, e nela participou o conselleiro de Cultura, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, Acisclo Manzano e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Alí Rodríguez remarcou o vínculo que esta peza ten co Camiño de Santiago. A obra está situada na ladeira do monte Gaiás que discorre paralela á Vía da Prata. O prisma dos sentidos inspírase nos santuarios e pequenos refuxios empregados polos peregrinos no seu percorrido.

Ademais, pola súa localización e integración no entrono natural, a obra ofrece tamén "un punto de vista privilexiado" das torres da Catedral de Santiago e da paisaxe compostelá. O executivo galego detallou que as paredes da obra, perforadas con rostros, ondas e estrelas permiten que a luz, o vento e a auga da choiva se filtre creando xogos evocadores e multisensoriais.

O escultor --segundo indicou a Xunta-- aclarou que esta capela "non se identifica con ningunha deidade ou culto particular", aínda que entre as figuras hai algunha chiscadela á mitoloxía do Camiño, como a louza que recrea a tumba dun suposto peregrino que finou nese mesmo lugar ao contemplar as torres da Catedral.

Román Rodríguez, Anxo Lorenzo e o escultor Acisclo Manzano
Román Rodríguez, Anxo Lorenzo e o escultor Acisclo Manzano | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta