O Sergas quere que mozos e adultos deixen de fumar a través dunha plataforma telémática

Pon en marcha 'Telea' co seguimento de profesionais especialistas en tabaquismo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2023 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas), a través da súa plataforma telemática 'Telea', contará cunha rede de apoio e seguimento de profesionais especialistas en tabaquismo para axudar á poboación a deixar de fumar.

Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante unha xornada celebrada este mércores 31 de maio, Día Mundial sen Tabaco, no edificio administrativo do Sergas en San Lázaro que serviu para oficializar a posta en marcha do Plan Inspira Saúde 2023-2027.

O obxectivo desta folla de ruta, elaborada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta, é reducir a prevalencia do consumo de tabaco diario na poboación adulta por baixo do 15% de cara ao ano 2027. A meta para os adolescentes será baixar do 5%.

Este plan será "un punto de inflexión" na loita contra o tabaquismo en Galicia, tal e como o definiu o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal. Tamén interviñeron no evento a responsable de Saúde Pública, Carmen Durán, a subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables, Silvia Suárez, e o profesor de Farmacoloxía da Universidade de Cantabria, Francisco Javier Ayesta.

"CIFRAS QUE NON NOS DEIXAN TRANQUILOS"

Co novo plan, a Xunta chama a traballar "de maneira íntegra contra a prevención, o diagnóstico temperán" do tabaquismo e o "tratamento posterior". E é que, a peche de 2021, case o 21% dos galegos de 16 ou máis anos eran fumadoras e o 16% consomen tabaco a diario.

"Son cifras que non nos deixan tranquilos e son moi altas", lamentou o conselleiro, para tentar desmentir "a percepción de que agora se fuma menos". Neste contexto enmárcase o obxectivo de reducir o consumo por baixo do 15% en catro anos: "Alguén pode pensar que é pouco ambicioso, pero máis vale plans realizables que non alcanzables".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, na presentación do Plan Inspira Saúde en Galicia 2023-2027
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, na presentación do Plan Inspira Saúde en Galicia 2023-2027 | Fonte: XUNTA - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta