Volve a guerra interna no PSdeG tras os resultados das municipais

Gonzalo Caballero ponse a disposición do partido para "endereitar o rumbo" e afrontar o 23X sen "retrocesos". Abel Caballero sitúa a Carmela Silva e David Regades como cabezas de lista de Pontevedra no Senado e no Congreso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2023 | Actualizada ás 21:53

Comparte esta noticia

Volven as liortas internas no PSdeG tras os resultados do 28M e volven, novamente, da man de Gonzalo Caballero, que foi secretario xeral deste partido e que perdeu nas primarias nas que saíu elexido Valentín González Formoso como novo líder do partido. Gonzalo Caballero ponse a disposición do partido e da dirección para "endereitar o rumbo" e afrontar as próximas eleccións "con todas as fortalezas". "Non nos podemos permitir novos retrocesos", exclamou.

Caballero lamentou que os socialistas galegos non alcanzasen nas pasadas eleccións municipais "os resultados desexados", xa que, na súa opinión, "o obxectivo exposto pola dirección galega era mellorar os resultados anteriores, gañarlle ao PP e sumar a alcaldía de Ourense". "Non só non melloramos, senón que retrocedemos e o balance é que en Galicia perdemos unha Deputación, dúas cidades, máis de 100 concelleiros e caemos en voto tres veces máis que en España", relatou.

Ademais, Caballero tamén manifestou que "hai que saber ler os resultados" das eleccións e, "desde a preocupación e desde o máximo compromiso", deben "endereitar a folla de ruta" para tratar de "non retroceder" en Galicia nas próximas eleccións xerais, así como "acertar na estratexia e nas candidaturas". "Creo que a dirección galega ten que tomar nota da situación. Hai que traballar sen sectarismo, con unidade e con integración para afrontar os retos electorais que temos, porque a máxima prioridade de todos debe ser manter un goberno de progreso en España fronte á dereita e a ultradereita", reivindicou.

O exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero / GC / Europa Press
O exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero / GC / Europa Press

MOVEMENTOS EN PONTEVEDRA

Por outra banda, o PSdeG xa comezou a mover fichas na provincia de Pontevedra de cara aos vindeiros comicios xerais. Así, o alcalde en funcións de Vigo, Abel Caballero, sostivo que a presidenta da Deputación de Pontevedra en funcións, Carmela Silva, sería "unha boa candidata" ao Senado e o delegado do consorcio Zona Franca Vigo, David Regades, ao Congreso.

Así o asegurou nunha entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press na que foi cuestionado sobre as listas dos socialistas na provincia de Pontevedra para as eleccións xerais previstas para o próximo 23 de xuño. Neste sentido, Caballero asegurou que Silva sería "unha senadora magnífica", á vez que defendeu tamén a posible candidatura do secretario provincial do partido, David Regades. "É un político excepcional", expresou.

Con todo, sinalou que xente doutros lugares "como Pontevedra ou Vilagarcía" tamén deberían ocupar postos de saída nas listas para o próximo 23 de xuño, xa que, segundo reivindicou, as expectativas dos socialistas nestes comicios son "elevadas".

"O importante é que os que saian elixidos e lideren as posicións dos partidos sexan xente de solvencia política e de capacidade. Sen dúbida, Carmela Silva demostrou unha atención excepcional a todos os municipios da provincia. Tratou a cada municipio de acordo coa súa poboación e non excluíu a ninguén pola cor política", defendeu.

Sobre a perda da Deputación en favor dos populares, o alcalde da cidade olívica afirmou que "se perdeu dunha forma democraticamente inexplicable", na súa opinión, pola "infrarrepresentación de Vigo".

RESULTADOS VIGO

Cuestionado polos resultados en Vigo, onde repetirá como alcalde tras outra maioría absoluta, Caballero reivindicou que o que gañou o pasado domingo non foi "a lista do PSOE ou Abel Caballero", senón que gañou "un modelo de cidade". Así mesmo, cualificou os resultados do PP na cidade olívica como "calamitosos" e expuxo que os populares obtiveron "o segundo peor resultado do PP na historia de Vigo" e "o peor resultado do PP en todas as cidades".

CANDIDATO PSDEG

Preguntado polo candidato do PSdeG á Xunta, Abel Caballero insistiu en que serán as primarias do partido as que o elixan. Sobre o momento no que se producirán esas primarias, o rexedor vigués desexou que se realicen cando "haxa acougo para tomar unha decisión política desta envergadura".

"Pode ser setembro unha boa data", recoñeceu, aínda que ve "conveniente" facelas pronto porque o candidato que salga "ten que facer a súa formulación político".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 asdfñlkj

Volve???? nunca marchou ho!!!!

1 Gamela

Polo pan baila o can e a cadela ! Semella que cómpre poñer a salvo dos xuices aos dous benefactores da Humanidade (da súa Humanidade) Carmela Silva & David Regades (encabezando a lista quedarán aforados e só poderán ser investigados polo Tribunal Supremo) Lembramos a mesma estratexia con Pepe Blanco logo de machacar aos Controladores o mandaron 5 anos para Bruxelas para enfriar o conto ! Gonzalito a pillar cacho ou agora ou nunca ! Amén, que noxo dá esto da Política Local !