Ecoloxistas cren que as sentenzas contra grandes proxectos eólicos poden marcar o éxito doutras denuncias

Adega e PDCC cren que a sentenza de Campelo pode repercutir favorablemente no éxito dos recursos contencioso-administrativos que se emprendan contra as recentes autorizacións eólicas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/06/2023 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

Adega e Plataforma para a defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC)destacan que a sentenza contra os proxectos eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural, promovidos por Greenalia nos concellos de Coristanco, Santa Comba e Carballo, marca un fito relevante na historia do desenvolvemento eólico de Galicia. "É a primeira vez que se consegue que recaia unha resolución xudicial anulatoria das autorizacións dun proxecto eólico sen que se teña producido unha agresión ao medio ambiente (como aconteceu no caso da Serra do Oribio), ou mesmo sen que os proxectos estean executados e en operación ao momento de ditarse as sentenzas", apuntan a entidade ecoloxista.

Protesta de ecoloxistas contra os parques eólicos
Protesta de ecoloxistas contra os parques eólicos | Fonte: Adega

ADEGA e PDCC destacan que o proxecto eólico anulado pretendía arrasar cunha especie endémica única en Galicia, Centaurea ultreiae Silva Pando, cuxa poboación mundial total só se atopa nos arredores da Lagoa de Alcaián. Esta especie está considerada “en perigo crítico de extinción” no Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, e catalogada tamén como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007 do 19 de abril).  A Lagoa de Alcaián, ademais, fora proposta tanto polo bipartito (2008) como polo PP (2011) para formar parte da Rede Natura 2000.

O fallo estima na súa totalidade os motivos de impugnación esgrimidos polas asociacións demandantes, anulando en consecuencia o acordo do Consello da Xunta de Galicia impugnado e impoñendo a correspondente condena en costas ás codemandadas (Xunta de Galicia, Greenalia Wind Power Campelo e a Asociación Eólica de Galicia). 

Asimesmo, a Sala estimou os argumentos de ADEGA e PDCC relativos á vulneración dos dereitos de participación da cidadanía no procedemento de avaliación ambiental, tanto pola redución do prazo de información pública a 15 días, canto pola non posta a dispor da cidadanía dos informes sectoriais no contexto do citado trámite, extremos ambos os dous que xa foran alegados polas demandantes, vulneran o Dereito da Unión Europea.

EFECTO "POSITIVO" NOUTRAS DENUNCIAS

"Estes precedentes poderían ter un efecto positivo moi relevante nos recursos contencioso-administrativos que se presenten contra as novas autorizacións eólicas outorgadas pola Xunta de Galiza e que se impugnen no Tribunal Superior de Xustiza", indican estas entidades que este luns convocaron aos medios a unha rolda de prensa. 

Campelo é o terceiro parque eólico autorizado pola Xunta do PP en ser anulado nos tribunais, logo das dúas sentenzas xa firmes do Tribunal Supremo que tomban o parque eólico Sasdónigas I e II de Mondoñedo, e o proxecto eólico Serra do Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela, contra o cal tamén recorreu ADEGA. 

Hai 15 días ADEGA recuperou o a campaña de recadación colectiva e solidaria “Ti podes paralos!” que conseguira en outubro de 2022 facer efectiva a paralización cautelar do parque eólico Campelo, agora anulado, e dos outros dous proxectos relacionados, Bustelo e Monte Toural, sen a cal o actual éxito non sería posible. Actualmente, “Ti podes paralos!” xa ten en curso 8 campañas de recadación colectiva para poder enfrontar o recurso xudicial doutros tantos proxectos eólicos industriais aprobados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta