Os bombeiros comarcais de toda Galicia convocan folga indefinida ás portas do verán

Piden que se cumpra un fallo do TS para a conversión a persoal fixo e a apertura dunha mesa autonómica, á vez que avisan dun verán "complicado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2023 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

Os bombeiros comarcais de toda Galicia irán a unha folga indefinida ás portas do verán para reclamar que se cumpra unha sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado para a conversión a persoal laboral fixo dos efectivos, á vez que demandan un convenio autonómico coas mesmas condicións para os traballadores.

Este luns, máis de 200 bombeiros en asemblea --celebrada no edificio Cersia, en Santiago-- votaron por unanimidade a man alzada a proposta de ir á folga. Deste xeito, están convocados preto de 500 bombeiros dos 25 parques comarcais existentes na comunidade galega que se dedican a labores como incendios urbanos, accidentes ou apoio en lumes forestais de interface --aqueles en hainos risco para inmobles--.

En declaracións aos medios, o portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, Anxo Moldes (CIG), sinala que se toma esta decisión "vendo que non hai avance ningún" nas mesas de negociación abertas nas provincias A Coruña, Pontevedra e Lugo, "sen que se cumpra coa sentenza do Supremo". "As administracións pedíronnos que non denunciásemos, que o ían a facer de 'motu proprio', e ano e medio despois seguimos esperando", lamenta..

A mesa intersindical de bombeiros está conformada por CIG, Comisións Obreiras, UXT e o sindicato independente de bombeiros, aínda que tamén conta con delegados de CSIF e USO. A folga comezará dentro duns 10 días, en función do límite legal establecido polo rexistro da convocatoria.

Asemblea de bombeiros comarcais de Galicia, celebrada en Santiago
Asemblea de bombeiros comarcais de Galicia, celebrada en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta