O TSXG confirma catro anos de cárcere a un home de Chantada por abusar da filla discapacitada duns amigos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2023 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo na que condenou a catro anos de cárcere a un home do municipio lucense de Chantada por abusar sexualmente da filla menor de idade duns amigos, a cal ten diagnosticada "unha discapacidade intelectual e atraso madurativo cifrado nun grao 41%".

Segundo o relato de feitos probados da resolución, o acusado aproveitou a ausencia dos pais da menor do domicilio familiar debido ao nacemento do irmán da vítima para cometer os abusos. Contra este fallo, con data do 31 de maio de 2023, cabe recurso de casación ante o Supremo.

O TSXG, do mesmo xeito que a Audiencia Provincial, sinala que se aproveitou "da situación de superioridade que tiña fronte á menor", que por entón contaba con 11 anos, para realizarlle tocamentos "en atención á amizade que tiña coa familia e á discapacidade que sufría".

A Sala do Civil e Penal subliña na sentenza que a conduta do condenado "vén acreditada polas propias mensaxes que lle remite á vítima, e que son o detonante para a investigación da causa, e que esta mostra ás súas profesoras e á súa amiga, e cuxo contido non ofrece dúbida algunha de que provén do teléfono do acusado e que reflicten un inequívoco contido sexual, aludindo a episodios sexuais desenvolvidos entre ambos os cando ela tiña tan só 12 ou 13 anos".

A Audiencia de Lugo xa xustificaba o seu fallo no relato ofrecido pola menor, de quen destacaba que o atraso madurativo que sofre "faina máis inxenua, máis vulnerable" e con menor capacidade de resposta a situacións do tipo ao que foi sometida. O seu relato, segundo a sala, resulta crible e, mesmo, "podería ir máis aló do que ela admite, pero por vergoña négaos, sen que teña estratexias para construír de maneira correcta unha mentira". Ademais da pena de prisión, aválase unha orde de afastamento de 200 metros por un período de cinco anos e o abono dunha indemnización á vítima de 2.000 euros por danos morais.

Sede TSXG / E.P.  / Europa Press
Sede TSXG / E.P. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta