Denuncian un novo "colapso" de Urxencia do CHUS con 10 pacientes graves nos corredores

Critican que este luns, 37 doentes máis, co ingreso en planta asinado, estaban ocupando o espazo de traballo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/06/2023 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS denuncia un novo colpaso dos servizos de urxencias do hospital de Santiago. Así, denuncia que este luns, ás 14:00 horas, 10 pacientes graves estaban agardando no corredor de acceso e 37 doentes máis, co ingreso en planta asinado, estaban ocupando o espazo de traballo. Ás 15:45, a pesar de que o coordinador do servizo e a xerencia foron advertidos da situación asistencial polo persoal sanitario, o número de pacientes graves nos corredores central e colindantes aumentou a 24 e 36 seguían agardando o ingreso en planta. 

Imaxe remitida polo BNG, que denunciou a 'saturación' nos servizos de Urxencias
Imaxe remitida polo BNG, que denunciou a 'saturación' nos servizos de Urxencias | Fonte: BNG

"Ao longo dos últimos meses en tres ocasións chegouse a abrir o corredor de observación para poñer alí pacientes ingresados, deteriorando aínda máis a súa saúde e contravindo a normativa laboral que obriga a que as vías de tránsito e evacuación teñen que estar libres de camas e pacientes", denuncia esta entidade nun comunicado.

Segundo a información feita pública no “pulso do CHUS”, durante as últimas 24 horas (entre ás 8:00 do día 5 e ás 8:00 do día 6 de xuño) o nivel de ocupación das camas era do 55 por 100. A día de hoxe seguen sen utilizarse as camas dispoñibles do Gil Casares que permanecen pechadas de xeito permanente.

"Eloína Núñez e Plácido Mayán, Coordinador do servizo, persisten no seu exercicio de irresponsabilidade non só cara os pacientes, senón tamén cara os traballadores do CHUS que se ven obrigados a traballar en condicións de presión intolerables  que afecta á calidade asistencial que recibimos. Xestionan recursos pasando por riba da saúde de traballadores e pacientes", conclúe a entidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta