Manuel Núñez Singala, o autor máis lido este curso nas bibliotecas escolares

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, entregoulle o pasado luns 5 de xuño o premio 'Clubs de Lectura 2023'.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/06/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Manuel Núñez Singala vén de acadar o premio "Clubs de Lectura 2023" por ser o autor galego máis lido nas bibliotecas escolares durante o curso escolar 2022-2023.

Entrega do premio a Manuel Núñez Singala. Foto: Prensa Xunta de Galicia.
Entrega do premio a Manuel Núñez Singala. Foto: Prensa Xunta de Galicia.

O titular de Educación, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou o pasado luns 5 de xuño na XV Xornada de Clubs de Lectura, que congrega a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos co obxecto de compartir experiencias e afondar en novas accións sobre o libro e a lectura.

Na súa intervención, o conselleiro felicitou ao autor por esta distinción e salientou del que é “dos máis seguidos polos lectores infantís e xuvenís”, ao tempo que aproveitou para poñer en valor o “papel fundamental” que exercen as bibliotecas escolares e os clubs de lectura dos centros de ensino. Dixo deles que se configuran “como lugares de coñecemento, de innovación e de creatividade que redundan nunha boa formación académica e persoal dos alumnos”, o que inflúe en que Galicia sexa unha das mellores comunidades autónomas en competencias lectoras segundo o último informe PISA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta