O Son do Camiño volve marcar 'sold out' a pesar da polémica, e reunirá a 120.000 espectadores

A folga de autobuses prevista para os días do festival foi desconvocada finalmente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2023 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

O compostelán Monte do Gozo acollerá a próxima semana --15,16 e 17 de xuño-- o festival Son do Camiño, ao que se espera que acudan 120.000 espectadores procedentes de 35 países para ver a artistas como Bizarrap, Maluma ou Aitana, as cabezas de cartel desta edición. A pesar do descontento de moitos dos usuarios por un cartel que consideran "peor" de o de anos anteriores, o festival volve marcar 'sold out', ao vender nos últimos días as poucas entradas de día que quedaban dispoñibles. 

Na rolda de prensa de presentación do festival, destacábase que esta "é a edición máis grande que se fixo ata a data", con "bastantes cambios no concepto do festival". A cita conta este ano con máis de 40 artistas de "talla internacional".

Esta será a primeira vez que haberá dous escenarios principais, situados un á beira do outro, de forma que "xusto ao acabar nun escenario, empeza o seguinte no outro escenario". Isto débese a que hai un "maior número de artistas principais na programación". Ademais, haberá un terceiro escenario dedicado á música electrónica. Entre outras novidades, a cita contará cunha nora, consignas para que a xente poida gardar as súas pertenzas, 'foodtrucks' e por primeira vez Estrella Galicia terá a súa propia cervecería.

40 ARTISTAS NACIONAIS E INTERNACIONAIS DE TODOS Os XÉNEROS

Ademais de Bizarrap, Maluma e Aitana, completan o cartel artistas como Leiva ou Duki --que xa estivo o ano pasado--. Eladio Carrión, o artista americano símbolo internacional do reguetón e o trap latino, tamén estará en Santiago, así como Mora.

Doutra banda, tamén actuarán Alt-J, banda inglesa de indie-rock, e os tamén ingleses The Kooks. Únense, así mesmo, os australianos Wolfmother e os Royal Blood, que visitarán Galicia por vez primeira en 2023.

Esta edición contará tamén coas actuacións de Vetusta Morla, WOS e Kaiser Chiefs. O produtor sueco Steve Angello, integrante de Swedish House Mafia, un dos maiores referentes mundiais da música electrónica, será outra cabeza de cartel do festival santiagués. Ademais, Morten chegará desde Dinamarca para ser outro representante da electrónica escandinava, unha das grandes protagonistas de O Son Do Camiño 2023.

A todos estes nomes uniranse outros grandes representantes do mellor do panorama nacional, internacional e galego: Xoel López, Viva Suecia, Nervo, Marlon, Xenebras, Delaporte, Nena Polaca, Mavica, Dani, Moza Sobresalto, Anaju, Nano, Sila Lua, The Rapants, Babykatze, Fraca, Groove Amigos, Michenlo, Toccororo, Fillas de Cassandra, Alexandre Sam, Galician Army, Mozo Branco, Karras Martínez, Yung Prado, Bárbara Lago, Bastian Bux, Fer BR, Mëstiza e Thom Archi completan este cartel.

FOLGA DE AUTOBUSES, DESCONVOCADA

Dada a magnitude do evento, a organización prevía "darlle unha volta" ao transporte se finalmente continuaba en pé a folga convocada polo transporte urbano de Santiago para os días 15, 16, 17 e 18 de xuño --coincidindo co festival O Son do Camiño--; un parón que finalmente desconvocaron tras coñecer que o Concello "asume" a doutrina do TSXG sobre a UTE.

Segundo informaron en comunicados de prensa CCOO, UXT e CIG, consideran "satisfactoria" a resposta, aínda que advirten de que volverán convocar "se quen resulte adxudicatario divide o cadro de persoal".

XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE

No que respecta á seguridade, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, confirmou a "total dispoñibilidade e colaboración" por parte da Subdelegación para garantir a seguridade no festival.

Así o expresou tras a Xunta Local de Seguridade extraordinaria que se celebrou este venres no Pazo de Raxoi. Na reunión acordouse reforzar a seguridade e vixilancia tanto dos accesos ao recinto como dos aparcadoiros disuasorios que se habilitarán en San Lázaro e no multiusos Fonte do Sar. Instarán ademais á empresa organizadora a que estableza puntos violeta no recinto.

O SON DO CAMIÑO, EN CIFRAS

A organización estima que O Son do Camiño xere ao redor de 1.000 postos de traballo directo e máis de 5.000 indirectos. Nesta liña, aínda que o retorno económico en toda Galicia é difícil de calcular de maneira previa, apuntan a que superará os 90 millóns de euros. Na edición pasada, o retorno publicitario foi de máis de 70 millóns de euros. Outro aspecto a destacar é a venda de todos os abonos "en poucos minutos" e co cartel sen publicar.

Arquivo - Unha moza pon unha pulseira na zona de acampada no festival Oson de Camiño, no Monte do Gozo, a 15 de xuño de 2022, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha moza pon unha pulseira na zona de acampada no festival Oson de Camiño, no Monte do Gozo, a 15 de xuño de 2022, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta