Rueda dá por rematada a dinastía Baltar en Ourense cun futuro incerto na deputación

Confirma que deixará a presidencia do PP de Ourense no seguinte congreso pero non sabe cando será. Descarta a Luis Menor como candidato á deputación mentres que o PSdeG ve na renuncia de Baltar un intento "á desesperada" do PP de "reter" o organismo provincial sen descartar acordos. Jácome di que Baltar dimitiu grazas a el.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2023 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

Ourense segue sendo sitio distinto. Tan distinto é que nin os propios ourensáns saben ata onde poden chegar ese seu estilo propio de facer as cousas. E se é difícil para os propios dirixentes do PP na provincia que vai pasar no futuro, máis difícil o ten o propio líder do PP en Galicia. E é que o único que ten claro Alfonso Rueda é que o, ata o de agora, todo poderoso José Manuel Baltar, non vai ser nin presidente da deputación, nin continuará no futuro como líder do partido na provincia

Rueda e Baltar nun paseo por Xinzo.. Agostime - Europa Press
Rueda e Baltar nun paseo por Xinzo.. Agostime - Europa Press

Sábese o que, pero non o cando porque Baltar continuará de presidente provincial ata que se repitan as eleccións en varios concellos tras varias impugnacións. Algo que, como non podía ser doutro xeito, só se dá na provincia de Ourense. En todo caso, o seu "reinado provincial" non durará máis dunhas cantas semanas, quizais algún mes.

Onde si vai manter o poder durante máis tempo é no PP de Ourense. Seguirá de líder ata a convocatoria dun novo congreso provincial que, polo momento, non tocaría "oficialmente" ata finais do vindeiro ano. E nun ano poden pasar moitas cousas. En todo caso, Rueda deu por finiquitada a dinastía Baltar.

"Estou seguro que non optará á presidencia do partido en Ourense. Haberá outros candidatos. Ou iso foi o que me trasmitiu. Non hai aínda periodo para realizar congresos inmediatos, aínda que iso non indica que non se esgoten os periodos previstos", dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

FUTURO DA DEPUTACIÓN

O que ten menos claro é o futuro da Deputación de Ourense. Aínda que Tellado deu a entender este mesmo xoves que a saída de Baltar pode facilitar un acordo para que o PP manteña esta institución, Rueda foi moito máis cauto. "Hai que buscar unha nova persoa e que sexa unha persoa de consenso. Por iso temos que falar entre nós", dixo descartando que haxa pactos ou acordos con outras formacións, especialmente, con Jácome. 

"Xa buscaremos candidato cando toque. Estamos a un deputado e non estará garantida a presidencia. E nós imos tentalo con eses resultados que temos", engadiu. Tamén descartou o nome de Luis Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar e unha persoa do seu círculo político. "É un magnífico candidato pero hai moita xente para optar a ese posto", dixo ao tempo que lembrou que "xa vai nas listas como senador. "É moi cedo para falar disto e en Ourense hai boa plantilla como no resto da provincia", engadiu.

CIDADE DE OURENSE

Pero é do futuro da cidade de Ourense sobre o que o presidente da Xunta non quere ou non pode falar, principalmente, porque non sabe que vai pasar. Así, destacou que o seu candidato, Manuel Cabezas, xa fixo dúas ofertas, a "última onte --polo mércores 14-- de xeito formal". E, polo momento, socialistas e nacionalistas deron a calada por resposta. 

"Non se pode dicir que o PP non o tentou. Ourense é unha peza que non lles vai distorsionar o plan xeral que teñen --PSdeG e BNG-- para outros concellos de que o PP non goberne en ningún sitio", indicou.

POSTURA DO PSdeG

Pola súa banda, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, cualificou como un intento "á desesperada" do PPdeG a decisión do presidente dos populares ourensáns, Manuel Baltar, de renunciar a seguir na Deputación de Ourense. O obxectivo, dixo, é "reter" o organismo provincial. Con todo, non descartou un posible pacto futuro.

"Creo que responde, fundamentalmente, a que consideran que teñen moito risco de perder a deputación provincial e aproveitan para facer un axuste de contas e unha acción á desesperada para tratar de salvala", incidiu.

JÁCOME

Tamén o líder de Democracia Ourensá (DO) e rexedor municipal de Ourense en funcións di que é moi resonsable da saída de Baltar. Así opinou que, de non ser porque o seu partido "obtivo tres deputados grazas aos excelentes resultados que o pobo ourensán lle deu o 28 de maio, Baltar non daría ese paso atrás".

Así o manifestou nunha rolda de prensa onde dixo que a renuncia é "unha excelente noticia para a provincia e para a cidade", lembrando que a súa formación "sempre quixo relevar a esa persoa no posto", pero que "non foi posible" fai catro anos porque o Partido Socialista "pechouse en banda", polo que Jácome pactou co PP "para salvar a Ourense desde a alcaldía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta