Unha das ex alumnas investigadas por presunta denuncia falsa de acoso sexual na ESAD de Vigo opta por non declarar

Por E.P. | VIGO | 20/06/2023 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

Unha das tres exalumnas da Escola de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, investigada como presunta autora dunha denuncia falsa (ao atribuír a varios profesores acoso sexual) compareceu este martes ante o xulgado de instrución 6 da cidade olívica, pero acolleuse ao seu dereito a non declarar.

Así, segundo confirmaron fontes coñecedoras do proceso a Europa Press, esta exalumna optou por gardar silencio e non quixo responder as preguntas nin da parte demandante, nin da fiscalía nin da xuíza. No marco deste procedemento están investigadas tres exalumnas e unha docente da Escola. A profesora declarou este luns no xulgado de instrución, e as outras dúas exalumnas pediron aprazar a súa comparecencia por motivos médicos.

Esta investigación ten a súa orixe noutra causa, na que foron investigados tres profesores da ESAD por suposto acoso sexual a alumnas do centro. Ese procedemento, tras un ano e medio, foi arquivado. Un dos profesores presentou unha demanda por suposta denuncia falsa, e agora hai unha docente e tres exalumnas investigadas por eses feitos.

Fontes da parte demandante sinalaron que achegarán nova documentación e testemuñas que afianzan a súa acusación, e confirmaron nas últimas horas que solicitarán á Xunta que a profesora investigada sexa apartada da docencia mentres dura o proceso (do mesmo xeito que lle ocorreu ao propio profesor investigado por acoso sexual e cuxo caso foi finalmente arquivado tras ano e medio).

Concentración de profesores, PAS e alumnos na ESAD, en apoio ás estudantes que denunciaron a tres profesores por acoso sexual, e cuxas denuncias foron arquivadas polo xulgado.
Concentración de profesores, PAS e alumnos na ESAD, en apoio ás estudantes que denunciaron a tres profesores por acoso sexual, e cuxas denuncias foron arquivadas polo xulgado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta