O PP de Santiago ofrece "un acordo" ao PSOE para un goberno alternativo ao de Goretti Sanmartín

Verea afirmou que "segue confiando no socialismo compostelán" para establecer "un goberno de progreso" e "moderado" na cidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2023 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

O portavoz popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, trasladou este martes de maneira pública ao PSOE que as portas da súa formación están "abertas" para, "en calquera momento", alcanzar "un acordo" entre socialistas e populares para establecer un goberno alternativo ao do BNG e Compostela Aberta, encabezado por Goretti Sanmartín.

Fíxoo nunha rolda de prensa celebrada este martes en Santiago, tres días despois de que Sanmartín se fixese co bastón de mando da cidade nun goberno local integrado tamén por dous edís de Compostela Aberta e apoiado no pleno de investidura polos socialistas.

Fronte a iso, Verea afirmou que "segue confiando no socialismo compostelán" para establecer "un goberno de progreso" e "moderado" na cidade. "Digo, claramente, que cando eles digan, en calquera momento, en calquera minuto e sen liñas vermellas, estaremos aí para pensar no verdadeiro futuro de Compostela", dixo Verea.

O portavoz dos populares composteláns lembrou que en España hai "tres comunidades históricas", Cataluña, País Vasco e Galicia, e apelou ao sucedido nas capitais das outras dúas para pedir o seu traslado á galega. En Barcelona, lembrou, "o PP abstívose para facilitar o goberno do Partido Socialista", mentres que en Vitoria o PP "votou a favor do Partido Socialista para facilitar a gobernabilidade". Na capital galega, "sendo o PP a fueza máis votada, o Partido Socialista apoiou ao BNG", lamentou.

Nesta situación, Borja Verea apelou a que os socialistas "demostren" a súa "categoría" apoiando un goberno popular, unha opción na que non se pechou a unha coalición. "Sei que non será hoxe nin mañá, pero terán as portas abertas para dar xuntos un exemplo democrático que supere a rancia política de bloques", dixo, tras o que cualificou o goberno de Goretti Sanmartín de "soberbio" e "sectario", así como "numericamente inútil".

Preguntado directamente se o que propón é unha moción de censura, Verea dixo que esta é "unha das posibilidades", aínda que "hai varias vías" como, engadiu, unha cuestión de confianza vinculada aos orzamentos. En todo caso, descartou que esa vía poida beneficiarse de concelleiros socialistas que actúen por libre. "Non é a miña maneira de entender a política", apuntou, engadindo que, de darse, sería co conxunto do Partido Socialista "dentro das canles habituais, normais, extraordinarios pero habituais".

ATRIBUCIÓNS DO GRUPO POPULAR

Na rolda de prensa, Borja Verea informou da repartición de competencias dos integrantes do grupo popular, un "equipo solvente" en disposición de liderar a oposición e de ser unha "alternativa de goberno", dixo.

Segundo dixo, María Baleato será viceportavoz primeira, coas áreas de Turismo, Acción Cultural e Relacións Institucionais; Yolanda Otero levará Servizos Sociais, Familia, Infancia e Maiores, ademais da portavocía segunda; José Antonio Constenla será responsable de Centro histórico, Urbanismo e Vivenda e Olaya Otero de Economía, Industria e Comercio.

José Ramón de la Fuente será responsable de Deportes, Seguridade e Centros Socioculturais; Nerea Barcia de Medio Rural e Parroquias; Evaristo Ben de Participación Cidadá, Consumo e Benestar Animal e Rosario Ferreiro de Contratación e Facenda. Adrián Vila terá as áreas de Mobilidade, Infraestruturas e Medio ambiente e Borja Rubio, Educación, Mocidade, Igualdade e Dereitos LGTBI.

En canto ao estado das negociacións do Pleno de Organización, Verea pediu "feitos e non só palabras" sobre "democratizar as institucións" e "abrir as portas". "Respectar a democracia significa respectar o traballo da oposición e dignificar o traballo da oposición, e entender que a xente decidiu que teñamos 11 concelleiros para facer ese traballo", dixo.

Verea mostrou a súa preocupación pola reunión deste luns e asegurou que a repartición dos dereitos de representación "ten que ser proporcional á vontade democrática dos cidadáns". "A proposta que nos presentaron, sen entrar en números, non o é", dixo. Na actualidade existen 14 dedicacións exclusivas, das que 8 serán para o goberno local: "sabendo o número de concelleiros de cada partido, non sería difícil pensar en como habería que repartir as 6 dedicacións restantes", dixo o popular.

O presidente dos populares composteláns tamén mostrou a súa preocupación por uns "posibles nomeamentos" de persoal feitos polo goberno do BNG "antes de chegar a acordo" co resto de forzas políticas. Así, aclarou que a negociación dos dereitos de representación inclúe, entre outras cuestións, o persoal que axuda ao bo funcionamento dos grupos municipais, algo no que tamén adoita operar a proporcionalidade.

"O que non pode ser é que o BNG nomee ao seu persoal sen pechar un acordo co resto de forzas políticas, tal e como nos anunciou onte pola mañá, aspecto co que lles dixemos que non estabamos de acordo por crer, ademais, que non era a práctica habitual neste Concello", dixo Verea. De confirmarse isto, cualificouno dun "atentado contra os dereitos de representación delresto de partidos".

O candidato do PP á alcaldía de Santiago, Borja Verea, en rolda de prensa.
O candidato do PP á alcaldía de Santiago, Borja Verea, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta