Ferrol recibirá 3,5 millóns de euros da Xunta para obras de rehabilitación enerxética en varios barrios

Os beneficiarios poderán recibir axudas públicas de case 30.000 euros por vivenda

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2023 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou co novo alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela (PP), catro convenios para poder acometer obras de rehabilitación en varios barrios cun investimento de 3,5 millóns de euros, provenientes de fondos europeos, para destinalos a axudas de mellora da eficiencia enerxética en vivendas e edificios da Magdalena, Ferrol Lanuxe, Esteiro, A Graña e Recimil.

Segundo detallou Vázquez, "os interesados poderán acceder a subvencións de ata 29.495 euros para realizar obras de rehabilitación que contribúan a facer máis eficientes e confortables os seus inmobles" aínda que o importe final dependerá do grao de mellora da eficiencia enerxética que se alcance coa intervención. Ademais, o Concello de Ferrol tamén poderá beneficiarse destes fondos para promover obras de mellora na contorna destes barrios, con axudas dun 15% adicional sobre as contías máximas das axudas por vivenda.

OUTROS CONVENIOS

A conselleira de Medio Ambiente detallou "a importancia dos convenios" asinados este martes para unha cidade histórica como Ferrol, "cun casco antigo único e que, por conseguinte, tense que revitalizar e rexurdir".

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol detallou que "esta cidade o que precisa é a colaboración entre administracións". "Temos un reto por diante que é conseguir que Ferrol sexa a mellor cidade para vivir", dixo, engadindo que "moitas das oportunidades pasan pola rehabilitación, con vivendas accesibles, eficientes e dar facilidades as familias e as persoas maiores".

En canto a estes fondos, asegurou que o obxectivo do seu goberno é que estas axudas poidan estar dispoñibles nunha convocatoria antes de que acabe este ano, e que suporá que "Ferrol disporá de cinco millóns de euros para mellorar os nosos históricos, cos 3,5 millóns de euros que achega a Xulta", a través de fondos europeos "canalizados como sempre polo Goberno do Estado", ao que se engadirán 732.000 euros do Concello e 904.000 euros de particulares". Segundo concretou, a repartición será "na Magdalena e Ferrol Lanuxe 2,9 millóns de euros, A Graña 116.000, Esteiro 700.000 euros e en Recimil 1,4 millóns de euros".

Firma de convenios entre a conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela.. XUNTA
Firma de convenios entre a conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta