BNG vs Podemos

O artigo expón unha análise particular sobre as posibles razóns que xustifican as opostas expectativas electorais de ámbalas formacións.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 09/04/2015

Comparte esta noticia
Poñendo en funcionamento o radar analítico, que tanto pode acertar como errar, un atopa cando menos catro substanciais diferenzas entre BNG e Podemos en termos de estratexia. 
 
A primeira desas diferenzas localizaríase na relación coa cidadanía. Mentres Podemos visibiliza e fomenta a participación cidadá, establece canles de comunicación aberta e permanente e alimenta a afiliación a través das súas múltiples vías de interacción, o BNG insiste na súa perspectiva olímpica, residir no Olimpo das ideas auténticas e a verdade absoluta alleo incluso ó nome coa que a cidadanía recoñece o país propio. 
 
Podemos fai fincapé nas preocupacións principais da xente do común e repite ata o mantrismo esa colección de lemas e argumentos ben seleccionada cos que gañou a atención cidadá. O BNG polo contrario prioriza na súa comunicación pública o chamado á soberanía e á autodeterminación como se Galicia nestes momentos tivese a máis mínima posibilidade de acometer un proceso de reconfiguración nacional. Pónganse as dúas campañas unha fronte á outra e entenderase en boa medida as opostas expectativas que sinalabamos ó principio deste artigo. 
 
No actual escenario político, a capacidade de entendemento revélase un factor necesario de goberno. Podemos, malia a radicalidade da súa mensaxe, amósase aberto a falar con calquera organización que asuma unha serie de postulados esenciais relacionados coa transparencia e a corrupción. O BNG pola súa banda, establece a posición contraria e inicialmente desbota as alianzas con forzas non nacionalistas o cal sementa a idea de autoillamento que se instalou na sociedade.
 
O cuarto elemento que identificamos atinxe ós propios obxectivos das dúas formacións e a súa vontade de autocrítica. Podemos establece a meta de gañar e gobernar e ante un resultado lonxe desa liña, asume o suposto fracaso e emprázase a reforzar a acción pública para continuar medrando. Vimos hai pouco os líderes do partido emerxente expresar a súa decepción ante uns resultados que, lidos con frialdade, semellan un éxito sen precedentes. No extremo contrario atopamos o BNG, en permanente devalo dende 1997, e malia acadar elección tras elección uns peores resultados, manifestan teimudamente unha aparente satisfacción após constatar a progresiva perda de apoios. Esta autocompracencia antóllasenos unha das principais barreiras para o cambio de rumbo que deteña esta longa xeira de fracasos. 
 
Así chegamos a este 2015 no cal poden coincidir eleccións municipais, autonómicas e xerais. Podemos parece en condicións de ser chave nas principais cidades e no parlamento galegos mentres que o BNG podería ser relegado a forza meramente testemuñal, unha sorte de vestixio dun tempo pasado. E iso, e velaquí a última diferenza substancial con Podemos, mesmo a pesar do seu honroso historial nos diferentes gobernos nos que participou. 
 
Lembremos que durante o bipartito, as áreas rexidas por conselleiros nacionalistas gozaron da mellor valoración cidadá e mesmo un pode afirmar que nunca Industria, Medio Rural, Vivenda e Cultura experimentaron unha mellor evolución que durante a xestión por parte dos representantes do BNG. No ámbito municipal tamén resulta doado sinalar exemplos de magnífico goberno, casos como os de Pontevedra ou Allariz, concellos que gañaron o seu futuro da man de alcaldes nacionalistas. Fronte a isto, a ambigüidade das propostas de Podemos, cando non a sospeita dunha certa incapacidade en caso de alcanzar o poder. Véxase a inocencia da súa candidata en Andalucía cando esixe a dimisión de Chaves e Griñán, a ruptura cos bancos que desafiuzan ou a redución de cargos públicos como se tales medidas fosen transformar aquela comunidade autónoma. 
 
En resumo: Podemos concentra a súa estratexia na comunicación e a interacción co cidadán e presenta unhas expectativas extraordinarias malia as moitas dúbidas respecto á súa posible acción de goberno. O BNG, incapaz de adaptar as súas convicións á realidade social, enfróntase ao risco de tornarse unha forza irrelevante en Galicia. O cal sería, na miña opinión persoal, un novo desastre para o País. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego