Un novo "museo" ocupará o esquelete doutro dos edificios inacabados da Cidade da Cultura

Trátase do Centro de Artes Dixitais que estará no subterráneo no que ían ser os aparcadoiros do Teatro da Música.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

Un espazo subterráneo de 4.400 metros cadrados pensado para albergar os aparcadoiros do Teatro da Música, un dos edificios non construídos do proxecto orixinal da Cidade da Cultura, converteranse no futuro Centro de Artes Dixitais, un espazo pioneiro en Galicia na materia que contará coa capacidade tecnolóxica tanto para producir como para exhibir proxectos de arte dixital de máximo nivel.

A previsión da Xunta é que os traballos de adecuación deste espazo comecen este outono e que o centro poida estar operativo a finais de 2025. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xerente da CdC, Ana Isabel Vázquez, presentaron este venres o proxecto, que non suporá "a construción dun novo edificio" no complexo, se non o aproveitamento de espazos xa existentes e que permanecen sen uso. Isto, unido ao desenvolvemento tecnolóxico presente xa no Gaiás, permitirá que o edificio conte cun orzamento de licitación 4,5 millóns de euros.

Os responsables precisaron que os traballos de adaptación non afectarán ao normal funcionamento das institucións situadas no Gaiás, nin ás actividades que se desenvolven na Cidade da Cultura. O novo edificio, ao que se accederá desde o aparcadoiro do Fontán, non suporá tampouco unha alteración do aspecto xeral do complexo.

O futuro centro contará con tecnoloxía de última xeración para vivir experiencias inmersivas e de realidade virtual aumentada, así como zonas de videomapping para intervencións artísticas de gran formato, áreas de experimentación con laboratorios creativos e espazos para a formación da comunidade escolar e artística.

O centro porase en marcha coa vocación de converterse nun lugar de exhibición de arte dixital "de referencia en España", apunta a Xunta, o que permitirá acoller proxectos artísticos ambiciosos baseados nas novas tecnoloxías. Ao mesmo tempo, será banco de experimentación para creadores e lugar de formación para a comunidade escolar.

Recreación dunha das futuras salas de exhibición do Centro de Artes Dixitais.. XUNTA DE GALICIA
Recreación dunha das futuras salas de exhibición do Centro de Artes Dixitais.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta