O plan de cobertura da CRTVG será recorrido por BNG e Vox

O PSdeG denuncia o "secuestro" dos medios públicos por parte do Partido Popular e Sumar pide máis debates

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O BNG e Vox presentarán senllos recursos contra o plan de cobertura exposto pola CRTVG para as eleccións do 23 xullo, que inclúe nos seus bloques informativos sobre a campaña electoral á coalición Sumar como representativa en atención aos resultados obtidos por En Común-Unidas Podemos en 2019, así como á formación de Santiago Abascal como grupo significativo a pesar de que non logrou representación por Galicia nos anteriores comicios.

O documento prevé celebrar ás 10,00 horas do día 14 de xullo un único debate coas formacións que obtiveron representación en 2019, mesmo criterio que se recolle para o caso das entrevistas. Por iso, o ente público deixa fóra destes espazos á formación liderada por Santiago Abascal.

Mentres que fontes do PPdeG consultadas por Europa Press mostraron a súa conformidade co plan, o BNG informou de que recorrerán o texto ao considerar que non cumpre o deber como medio público de garantir o pluralismo político e social. Entre outras cuestións, no seu recurso, os nacionalistas sinalan que, no referido ao debate, relégase "unha vez máis a espazo menor" polo propio horario e día de retransmisión. O Bloque tamén censura que se estableza un único debate cando son catro as circunscricións electorais no ámbito de actuación da CRTVG e lembran que o criterio ata 2019 era a realización de catro, un por cada circunscrición, tanto televisivos como radiofónicos.

A organización liderada por Ana Pontón tamén pide que se realicen entrevistas aos candidatos das formacións con implantación en galicia na TVG en horarios con maior audiencia, que se difunda o debate en horario de máxima audicencia na canle principal da TVG, así como que a Radio Galega realice as entrevistas e debates cos candidatos do catro provincias.

Pola súa banda, conforme sinalaron a Europa Press fontes de Vox, a formación presentará un recurso ao non estar de acordo co feito de que se lles deixe fose do debate previsto para o día 14 de xullo como das entrevistas. E é que tanto no debate como nas entrevistas só prevé que poidan participar membros das candidaturas de PP, PSOE, Sumar e BNG.

O PSOE DENUNCIA "SECUESTRO" POR PARTE DO PP

Ademais, fontes do PSdeG sinalaron a Europa Press que o plan de cobertura da CRTVG é "o mellor botón de mostra do secuestro ao que ten o PP sometido aos medios públicos de Galicia" tendo en conta que non hai ningunha posibilidade de modificar nin alternar ningún aspecto.

Así, critican que o plan non contempla que a televisión pública de Galicia emita entrevistas dos candidatos do catro provincias, algo que lembran que nin pasaba na TVG dos anos 90, durante a etapa de Manuel Fraga como presidente da Xunta.

Os socialistas tamén chaman a atención sobre o feito de que unha televisión con altas cotas de audiencia" nos horarios de informativos e de 'prime time' opte por "esconder" o único debate previsto nunha franxa horaria vista por escasamente 10.000 espectadores. Aínda que os socialistas non presentarán formalmente o recurso, subliñaron a necesidade de evidenciar o que ocorre cos medios públicos en Galicia, que ven "secuestrados" polo PP.

SUMAR PIDE MÁIS DEBATES EN HORARIO DE MÁXIMA AUDIENCIA

Por último, fontes de Sumar defenderon que haxa tres debates e non só un e que estes se emitan en horario de máxima audiencia. "É a televisión pública na que hai que debater, na que hai que presentar as propostas", sosteñen estas fontes, que tamén piden entrevistas entre todos os candidatos polas provincias, para que se poidan dar a coñecer e que estas sexan emitidas en horarios de máxima audiencia.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA)
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta