Por gcdeportes | Compostela | 04/04/2015 | Actualizada ás 19:30
Ficha técnica
Zamora: Miguel; Dani Mateos (Carlos de la Nava, 35’), Garretas, Carrillo, Sergi Mut, Álvaro, Rodri, Fran Ochoa (Salva Rivas, 86’), Coque, Cristian e Alberto Prada.
SD Compostela: Ramón; Catú (Jimmy, 52’), Portela, Alcañiz, Josu; Marcos Rodríguez; Manu Rodríguez (Iván Pérez, 71’), Álvaro Lemos (Jordan, 77’), Óscar Teles, Quim Araujo e Yacine.
Gol: 0-1: Portela (minuto 93).
Árbitro: Álvaro López Parra (cántabro). Amarelas a Marcos Rodríguez (´29’), Yacine (42’), Catú (46’) e Josu (81’) no Compos e a Coke (31’) e Ochoa (67’) no Zamora.
Incidencias: partido da 32ª xornada da Segunda B no estadio Ruta de la Plata.
Na derradeira xogada, nun saque de curruncho ao segundo pau, Portela marcou o gol da vitoria compostelá. 0-1 en Zamora e tres puntos de ouro para seguir soñando co play-off de ascenso. O Compos suma 10 dos últimos 12 puntos, e catro xornadas sen perder. O Racing, cun partido pendente, está a tres puntos e a UD Logroñés, a cinco. A vindeira cita, o sábado ás 18.00 horas co CD Tropezón en San Lázaro.
Non foi un bo encontro do Compos, que non estivo cómodo no campo e só nos minutos finais pisou a área rival con perigo. O Zamora comezou apertando, con tres saques de córner, e incluso Rodri estivo a piques de sorprender a Ramón cun gol olímpico. Co paso dos minutos, os de Iñaki Alonso tiveron máis posesión, pero sen ideas para chegar á área rival. O primeiro disparo dos composteláns non chegou ata o minuto 25, pero o remate de Quim Araujo dende fóra da área parouno o meta local sen problemas. As mellores ocasións foron do Zamora, cun disparo lonxano de Rodri que se foi desviado por pouco e un erro da defensa galega no que Ramón evitou o gol adiantándose a Álvaro na área pequena. A mellor da Esedé foi de novo un remate do Mago Araujo, á reviravolta, pero que detivo Miguel.
Tralo paso por vestiarios, medrou a intensidade dos dous equipos e o Compos parecía decidido a ir a pola vitoria. Un centro de Jimmy, que entrou por Catú cun cartón amarelo, non atopou rematador e Manu Rodríguez disparou un chisco desviado. Pero o Zamora volveu facerse co control e tivo as mellores ocasións: un gol anulado a Cristian por fóra de xogo nunha falta e un man a man que non soubo aproveitar Sergi Mut.
Iñaki Alonso buscou a reacción cos trocos de Iván Pérez e Jordan, e nos últimos dez minutos o Compos pechou no seu campo o Zamora. Josu e Quim Araujo buscaron a porta local, pero Miguel estivo atinado. Cando o 0-0 semellaba definitivo, na derradeira xogada e nun saque dende o curruncho, Portela marcou coa testa no segundo pau o gol do triunfo.
Outros resultados:
Atlético Astorga 0 - UD Somozas 2
Celta B 2 - CyD Leonesa 1
CD Tropezón 1 - Coruxo 3
Racing Ferrol - CD Guijuelo (D17.00h)
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.