A CIG denunica a "grave" situación da unidade de agudos de psiquiatría do Gil Casares

A falta de información e planificación, o peche de camas, as condicións dos traballadores e o deplorable estado do hospital entre os motivos da denuncia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/07/2023 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A CIG-Saúde denunciou falta de información aos traballadores e planificación por parte da Xerencia da área sanitaria de Santiago e do Barbaza sobre as obras nos distintos servizos, os peches de camas ou de centros de saúde.

Nun comunicado remitido aos medios, o sindicato sinala que o pasado 26 de maio remitiu un escrito no que solicitaba diversa información ante a "gravidade" da situación na unidade de hospitalización de agudos de psiquiatría do Gil Casares debido ao desprendemento do teito e ás deficiencias estruturais do inmoble. Entre outros documentos, solicitou o proxecto de reforma do tellado, a planificación e reorganización dos profesionais e dos usuarios e unha análise de como as obras repercutían nos pacientes pendentes de ingreso. Así mesmo, esixiu un informe técnico estrutural do edificio e das distintas instalacións que garantise a seguridade para os profesionais e os pacientes.

Con todo, denuncia que, a día de hoxe, segue sen haber resposta e das 21 camas coas que conta o hospital nesta unidade só están operativas 15. "A dirección da área sanitaria é incapaz de informarnos da planificación e de xestionar de forma adecuada a unidade de psiquiatría", advertiu a CIG-Saúde, que sinala que esta falta de previsión "afecta directamente as persoas usuarias que pasan días no servizo de urxencias e non poden ser ingresadas no servizo de psiquiatría de agudos ao non existir camas dispoñibles".

O sindicato denuncia que non se garanta unha alta calidade neste servizo ao non contar coas camas suficientes e ter unhas instalacións deterioradas e en mal estado, con "condicións impropias dun hospital concibido para aloxar as 24 horas do día aos pacientes ingresados", así como para que "os profesionais poidan realizar a súa actividade con confort e seguridade".

Ademais, a central nacionalista sostén que, máis aló da falta de información, non se conta coa participación do persoal na planificación e ordenación dos recursos humanos da unidade, repercutindo a situación no dereito a conciliar a vida familiar e laboral dos traballadores. "Non se respectan descansos, libranzas e permisos, ao obrigarlle a dirección aos traballadores a facer autocoberturas de noites, festivos, etc.", sinala o sindicato. "É obvio que a Xerencia incumpre a lexislación ao vulnerar os dereitos de información, audiencia e consulta da representación dos traballadores nos termos que legalmente están establecidos", conclúe.

Derrube do teito dun corredor no Hospital Gil Casares de Santiago.
Derrube do teito dun corredor no Hospital Gil Casares de Santiago. | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Victoria

E lamentable o estado de ese hospital,a organización das plazas se que contratan a alguien....Que un hospital coma o de Cee carezca de servicio de psiquiatría porque non cubren plazas e a xente sin atender,Unha gran área comarcal,que penden vidas de un fio polas decisions dos que deben de decidir quen vive e quen morre?Porque de seguir así,será o que suceda.