Por Galicia Confidencial | Ourense | 08/04/2015 | Actualizada ás 17:49
Luciano Rivero Cuquejo presentou esta mañá a súa renuncia como deputado da Deputación de Ourense, logo de coñecer o informe emitido polo secretario xeral da Deputación de Ourense sobre a prohibición de contratación para as persoas xurídicas participadas polos deputados provinciais, en concreto, no que atinxe á sociedade Abrea Cuquejo, S.L., na que ten unha participación social do 16,66 %.
Esta empresa é propietaria dunha gasolinera, que facturou á institución pública máis de 186.700 euros dende 2009. O pagamento saíu a luz pública debido a unha solicitude de información oficial por parte do PSdeG. Agora é a Deputación quen anuncia a súa renuncia. O código ético prohibe que sociedades nas que os deputados teñan máis dun 10% facturen á Deputacioń.
As conclusións do informe sinalan que con carácter xeral, "están incursas en prohibición de contratar coa Deputación Provincial tanto as persoas xurídicas administradas polos deputados ou deputadas provinciais como as persoas xurídicas nas que os deputados ou deputadas provinciais teñan unha participación superior ao 10 % do capital social". Asemade, o informe destaca que a sociedade mercantil Abrea Cuquejo S.L. "está incursa en prohibición de contratar coa Deputación Provincial de Ourense dende o 11 de xullo de 2011, ao estar participada nun 16,66 % por un deputado provincial", e que non obstante o anterior, "a xuízo desta Secretaría Xeral, a facturación ilegalmente realizada por esta empresa á Deputación debeuse a un erro administrativo, sen que existan, en principio, responsabilidades legais derivadas deste feito".
Luciano Rivero di no escrito de renuncia que o informe do secretario xeral, Francisco Cacharro Gosende, "conclúe que non hai responsabilidade legal de ningún tipo pola miña banda e que a facturación realizada á citada empresa debeuse a un erro administrativo". O político asegura que en 2015, tras falar co presidente Manuel Baltar, díxolle ao responsábel do Parque Móbil da Deputación que non podían repostar nesta estación de servizo.
"De todos os xeitos –argumenta-, tendo en conta o Código Ético e de Conduta da Deputación de Ourense, e baseándome no principio xeral de "Exemplaridade", recollido no artigo 3 do dito código, que explícita en relación aos cargos electos da Corporación Provincial de Ourense o seguinte: "Ao ser "o espello" da institución no que se mira a cidadanía, deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera sexa minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense e minar a confianza da cidadanía na institución", presento a miña renuncia ao cargo de deputado provincial da Deputación de Ourense".
Fillo de Marina Cuquejo Taboada que foi alcaldesa de Cualedro, finada o 8 de outubro de 2006, sucedeu á súa nai como alcalde. Nas eleccións municipais de 2007 encabezou a candidatura do PPdeG á alcaldía de Cualedro e foi elixido alcalde con maioría absoluta. Nas municipais de 2011 volveu ser elixido alcalde con maioría absoluta, segundo resume a Galipedia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.