Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2023 | Actualizada ás 15:37
A Xunta e as tres universidades públicas galegas --A Coruña, Vigo e Santiago-- asinaron este venres un plan de infraestruturas, dotado de 100 millóns de euros en total, para o mantemento, a rehabilitación e a optimización de espazos e edificios situados nos sete campus. Deste xeito, non só actuarase nas cidades onde teñen as súas sedes centrais, senón tamén en Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense.
O acto da firma celebrouse no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, na capital galega, e estivo presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda. No entanto, o convenio leva estampadas as rúbricas do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e do de Facenda e Administracións Públicas, Miguel Corgos; así como do tres reitores, Xullo Abalde (A Coruña), Manuel Reigosa (Vigo) e Antonio López (Santiago).
En declaracións aos medios tras o propio acto, o presidente concretou que o plan está dotado de 100 millóns de euros, dos cales 60 millóns "son achegados polas propias universidades con cargo ao financiamento que se achega de modo ordinario" por parte do Goberno galego ao amparo do plan de financiamento plurianual. O actual en vigor é o dos anos 2021-2026.
A maiores, ao amparo deste plan de infraestruturas, a Xunta habilita outros 40 millóns --cos que se alcanzan eses 100 en total-- a razón de "10 millóns de euros ao ano", empezando por este 2023, explicou Rueda. Trátase, tal e como destacou o presidente da Xunta, dun financiamento "extraordinario, a maiores" que "non teñen outras comunidades autónomas". Por iso, destacou que o tres universidades públicas galegas fosen capaces "de porse de acordo en distribuírse esa cantidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.