Máis de 80 ambulancias coas rodas picadas nos dous días de folga no sector

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contabiliza decenas de sabotaxes, entre as que tamén se inclúen pintadas no exterior dos vehículos e corte de cintos de seguridade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2023 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contabiliza decenas de sabotaxes a ambulancias durante os dous días de folga, entre elas 82 vehículos coas rodas picadas que foron substituídos "no menor tempo posible".

Son datos que recolle o 061 nun comunicado difundido aos medios co balance de incidencias desde o arranque dos paros ás 00.00 do xoves e ata as 23.59 horas deste venres, 7 de xullo, segunda xornada da folga.

En total, segundo cifras da fundación pública, houbo picadas nas rodas de 82 ambulancias con base en Baiona, Negreira, Ordes, Mazaricos, Arteixo, Pontedeume, Pontevedra, Oleiros, Boiro, Tui, Sada, Arbo; Noia, A Garda e Padrón (en dúas ocasións); A Cañiza e Carballo (en catro ocasións); Nigrán (en cinco); Santiago e Redondela (en seis); Ponteareas (en sete), A Coruña (en once) e Vigo (en 21 ocasións).

Ademais, o 061 informa de "actos vandálicos" como pintadas no exterior dos vehículos ou, mesmo, o corte dos cintos de seguridade no caso da ambulancia con base na Estrada e outra en Vigo. Estes feitos sumaríanse a episodios similares de días pasados, antes de que arrincasen os paros.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias insiste en condenar "firmemente" estas sabotaxes e chama a ter un "comportamento responsable e consecuente" durante as protestas. A primeira convocatoria desta folga, para a que o 061 mantivo uns servizos mínimos do 100 %, concluíu ás 23.59 horas deste venres, pero hai prevista unha segunda os días 19, 20 e 21 de xullo.

RECLAMACIÓNS

Os sindicatos convocantes reclaman un novo convenio colectivo con subidas salariais referenciadas ao IPC, mellores condicións, un aumento do persoal de entre o 30 % e o 40 %, así como da frota de vehículos, entre outros asuntos.

No medio deste conflito, o 061 sinala que a convocatoria de folga enmárcase no contexto da "falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia".

Ambulancia pintada tras os primeiros días de folga
Ambulancia pintada tras os primeiros días de folga | Fonte: Cedida

Ambulancia pintada tras os primeiros días de folga
Ambulancia pintada tras os primeiros días de folga | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta