Sete bañistas foron rescatados por un helicóptero logo de quedaren illados nunhas rochas no Concello de Mañón

Ningún deles precisou asistencia sanitaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2023 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

Un helicóptero de Salvamento Marítimo rescatou este martes a sete bañistas, dous deles menores de idade, que quedaron illados nunhas rochas da praia de Esteiro, no municipio coruñés de Mañón.

Segundo informou o CIAE 112-Galicia, unha particular alertou a Emerxencias sobre as 17,40 horas deste martes, para pedir axuda. Os nenos estaban nas rochas e os adultos, tras lograr chegar ata alí, refuxiáronse á espera de ser auxiliados, posto que a corrente e o difícil acceso impedíanlles saír.

Desde o 112 deuse aviso ao persoal de Salvamento Marítimo de Fisterra, que mobilizou un helicóptero, e ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Así mesmo, informouse á Garda Civil, a Protección Civil, ao GES de Ortigueira e aos bombeiros do Eume.

Unha vez no punto, os efectivos de Protección Civil comunicaron ao 112 que había máis xente "que se estaba botando ao mar" para auxiliar aos afectados, e indicaban que podería haber ata 8 persoas illadas.

Os integrantes do operativo tiveron que pedir tranquilidade ás persoas que estaban nas rocas e advertir ao resto de bañistas que non se metesen na auga para non empeorar a situación, aínda que non había risco de que o mar chegase ata onde estaban.

Finalmente, o helicóptero rescatou ás 7 persoas que estaban illadas e trasladounas a un campo de fútbol próximo á praia. Ningún deles precisou asistencia sanitaria.

Helicoptero de Salvamento Marítimo en Galicia.. SALVAMENTO MARÍTIMO
Helicoptero de Salvamento Marítimo en Galicia.. SALVAMENTO MARÍTIMO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta