As fotos de Feijóo con Dorado volven ao debate a tres de RTVE con Abalcal defendendo ao líder do PP

O líder de Vox acusa a Díaz de "encubrir" na súa etapa no Hórreo a un asesor "pederasta" e a candidata de Sumar replica: "Interpuxen eu a denuncia"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2023 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

As imaxes de mediados dos 90 con Marcial Dorado que hai unha década, cando as publicou 'El País', puxeron no foco ao entón presidente da Xunta e hoxe candidato do PP á Moncloa, Alberto Núñez Feijóo, cobraron protagonismo na última semana de campaña e, da man da candidata de Sumar, Yolanda Díaz, coáronse no debate organizado por RTVE.

"Vostede como sente coa posibilidade de gobernar cunha persoa que ten no seu pasado unhas imaxes, unhas relacións, cun narcotraficante? Cre que é normal nunha democracia solvente?", interrogou Díaz ao líder de Vox, Santiago Abascal, durante un debate no que tamén participou o socialista Pedro Sánchez, pero ao que declinou acudir Feijóo.

"O que non me parece normal é atacar a unha persoa que non está", replicou Abascal, quen lembrou á candidata de Sumar que, pouco antes, durante unha confrontación sobre igualdade, el acusouna directamente e á cara de "encubrir" a un asesor seu "denunciado por pederastia" durante a súa etapa como deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento de Galicia.

"Explíqueo. Era un asesor seu que foi denunciado por pederastia. Vostede botou a quen denunciou. Sábese que vostede o encubriu. Un pederasta que traballaba para vostede", afeou Abascal a Díaz, quen replicou: "Interpuxen eu a denuncia". Previamente, a candidata de Sumar mostráralle unha imaxe na que, afirmou, aparecían dous deputados de Vox en Valencia ríndose nun minuto de silencio por unha muller asasinada vítima da violencia machista.

"VOSTEDE TEN FOTOS GRAVÍSIMAS"

Máis aló, tras a referencia de Díaz ás fotos de Feijóo co entón contrabandista Marcial Dorado, posteriormente condenado por narcotráfico, Abascal non só reprochou á candidata de Sumar o seu "ataque" ao ausente dirixente popular, senón que tamén lle afeou "fotos gravísimas con Chávez", mentres que Sánchez acusouno de "meter o comunismo no Goberno".

Tanto Díaz como despois o socialista Pedro Sánchez incidiron en que Abascal evitara contestar á pregunta relativa á relación de Feijóo con Dorado.

Debate organizado por RTVE
Debate organizado por RTVE | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta