Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2023 | Actualizada ás 21:28
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a pedir o voto para a formación nacionalista convencida de que teñen "ao alcance da man" lograr "un grupo galego forte" no Congreso ao "disputar escanos ao PP nas catro provincias".
No acto de peche de campaña, que se celebrou este venres na Coruña, a líder do Bloque destacou que "non é o momento de votar con medo, nin de votar polo mal menor, senón de votar con ilusión con esperanza para facer valer Galicia e para frear á dereita de Feijóo". "Para iso vale un grupo galego forte", reivindicou.
Así, volveu a insistir en que este 23 de xullo o BNG vai facer " posible" os que din que "é imposible" e, para conseguilo, apelou a todas as persoas que xa confiaron no Bloque nos comicios galegos e municipais: "Se volvedes repetir ese apoio, esa confianza, haberá grupo galego forte".
Á súa vez, pediu concentrar no BNG "todo o voto rebelde, inconformista e de país", sabendo que "cada escano que gaña o Bloque é un escano menos para Feijóo de ganchete con esa extrema dereita antigalega". Tamén destacou que a formación que lidera é "a única coas mans libres para facer valer Galicia" fronte a unhas forzas estatais "que se alternan na discriminación ao país".
"Vemos o empeño das forzas estatais en darnos leccións sobre o voto útil, e gustaríame dicirlle aos galegos e ás galegas que un só deputado do BNG foi máis útil para Galicia que os 22 restantes, que fixeron o de sempre: dicir unha cousa aquí e facer a contraria en Madrid", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.