O PP aumentaría dous deputados por Galicia e gañaría en España, á espera de saber se xunto a Vox acadaría a maioría absoluta

Así o expoñen as primeiras enquisas elaboradas por Sigma Dous para a Forta, que tamén mostran que Vox seguiría sen representación en Galicia, o PSOE baixaría un ou dous escanos e o BNG podería aumentar un.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2023 | Actualizada ás 20:11

Comparte esta noticia

O PP revalidaría en Galicia a súa condición de forza máis votada nas eleccións xerais deste domingo ao conseguir 12 escanos, dous máis que os obtidos nos comicios do 10 de novembro de 2019, mentres que o PSOE perdería entre un ou dous escanos e quedaría con entre oito ou nove.

Segundo un 'tracking' elaborado por Sigma Dous para a Forta, o BNG podería quedar ou ben coa acta no Congreso dos Deputados que xa ten ou ben sumar un escano máis.

Pola súa banda, esta enquisa continua da intención de voto nas xerais outorga a Sumar unha pinza de entre cero e dous deputados, mentres que nas xerais de 2019, Podemos lograra dúas actas. Vox seguiría sen representación por Galicia.

O estudo demoscópico difundido polos medios públicos galegos atribúe ao PP unha porcentaxe de voto do 43,6 %, mentres que ao PSOE outórgalle polas catro circunscricións galegas un 24,2 % de votos. Nas xerais de 2019, populares e socialistas empataran a dez escanos, aínda que o PP recuperara a condición de lista máis votada co 31,93 % dos sufraxios emitidos, mentres que o PSOE lograra o 31,25 % das papeletas introducidas nas urnas.

Pola súa banda, a Sumar Sigma Dous atribúelle un 11,4 % dos votos; ao BNG un 9,8 % e a Vox un 9,9 %, aínda que non lle atribúe opcións de conseguir ningún deputado por algunha das catro circunscricións galegas.

Enquisa de Sigma Dous tras o peche das urnas
Enquisa de Sigma Dous tras o peche das urnas | Fonte: EP Data

QUEDA NO AIRE SE FEIJÓO CHEGARÁ Á MAIORÍA ABSOLUTA AO PACTAR CON VOX

Estes resultados pódense estender ao conxunto nacional, pois a enquisa de Sigma Dous amosa que o PP gañaría as eleccións xerais deste domingo con entre 145 e 150 diputados no Congreso, fronte aos 89 de 2019, e podería acadar así a maioría absoluta de pactar con Vox, que obtería entre 24 e 27 escanos. A suma de ambos superaría os 176 deputados se se dan as segundas cifras.

O PSOE acadaría entre 113 e 118 deputados, fronte aos 120 que ten na actualidade, segundo este sondeo, mentres que Sumar obtería entre 28 e 31 escanos, unha cifra menor que a acadada por Podemos nos comicios de 2019, que contando con tres deputados de Más País (agora incluídos na coalición) chegaron a 38.

Os independentistas cataláns, ERC e Junts, quedarían igualados con 9 escanos cada un, o que suporía un retroceso de catro deputados para o partido de Oriol Junqueras, mentras que a CUP lograría un deputado no Congreso, fronte aos dous da última lexislatura.

O líder do Partido Popular e candidato á Presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, durante o acto de peche de campaña do PP na Coruña
O líder do Partido Popular e candidato á Presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, durante o acto de peche de campaña do PP na Coruña | Fonte: M. Dylan

En canto aos partidos vascos, EH Bildu tería 6 escanos, colocándose por diante do PNV que acadaría 5, invertindo desta forma os resultados que tiveron fai catro anos, que foron de 6 postos para o PNV e 5 para os de Arnaldo Otegi. Coalición Canaria podería obter un escano e Teruel Existe entre cero e un.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta