Na UCI en estado moi grave un dos catro feridos ao caer dun balcón en Sanxenxo

Os demais encontranse estables e un deles xa foi dado de alta.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/07/2023 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

Un dos catro feridos ao caer dun balcón en Sanxenxo (Pontevedra) atópase ingresado na unidade de coidados intensivos (UCI) do Hospital Clínico de Santiago en estado moi grave, segundo informaron a Europa Press fontes hospitalarias.

Trátase dun mozo de 18 anos que resultou ferido esta madrugada ao ceder a varanda na que estaba apoiado xunto aos seus amigos. Un deles, da mesma idade, foi atendido e dado de alta no mesmo punto, mentres que outros dous, de 19 anos, están ingresados no Hospital Montecelo.

Ambulancia
Ambulancia | Fonte: Europa Press

Respecto destes últimos, dende o Sergas confirmaron que están estables. Un está en cirurxía, con contusión pulmonar e varias fracturas costais, e o outro presenta un traumatismo cranioencefálico leve e unha pequena fractura no omóplato.

Os servizos de emerxencia recibiron sobre a unha menos cuarto da madrugada o aviso cando os mozos, todos de Madrid, segundo confirmou o consistorio, caeron por un balcón dun primeiro piso. Trátase dunha vivenda da rúa Madrid, a número 78, na que estaban oito amigos pasando uns días. O inmoble, precisan fontes municipais, é propiedade dun deles.

Tras o sucedido, confirmaron tamén que o arquitecto municipal desprazarase ao edificio para realizar as comprobacións urbanísticas pertinentes do resto de balcóns do edificio.

REVISIÓN

O Concello de Sanxenxo revisará os balcóns do edificio no que caeron catro mozos tras ceder a varanda na que estaban apoiados, segundo confirmou o alcalde, Telmo Martín, tras acudir cos técnicos á zona, na rúa Madrid.

Ao lugar, acudiron tanto o arquitecto municipal como os técnicos, ademais do representante xurídico, para "ver en que situación están", precisou o rexedor sobre esta primeira toma de contacto. Tamén dixo que se contactará coa comunidade de propietarios para que estes os revisen, á súa vez.

Sobre o piso onde ocorreron os feitos, explicou que o arquitecto descartou o desaloxo do edificio pero que se procederá "proximamente" á revisión de todos os balcóns. O alcalde, que incidiu en que o máis importante é o estado dos mozos feridos, polo que quixo mandar un "abrazo" aos catro afectados e ás súas familias, recalcou, ademais, que o mantemento das balaustradas "corresponde ás comunidades" e que deben "revisalas". "Se alguén ten un piso e ve que a súa balconada está mal o que debe de facer é pola segura", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta