O pleno de Santiago rexeita abertamente a "censura cultural promovida por Vox"

Aprobou este xoves co apoio de todos as formacións unha declaración institucional na que a corporación rexeita a "censura cultural promovida polo partido de ultradereita Vox, alí onde teñen cargos de responsabilidade como alcaldes ou concelleiros de goberno".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2023 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Santiago aprobou este xoves co apoio de todas as formacións unha declaración institucional na que a corporación rexeita a "censura cultural promovida polo partido de ultradereita Vox, alí onde teñen cargos de responsabilidade como alcaldes ou concelleiros de goberno".

No documento, impulsado polo Partido Socialista, detállanse varios casos ocorridos nas últimas semanas que "supoñen un ataque directo ás liberdades que tanto custou conseguir neste país" e un "retroceso inaceptable na sociedade".

Por estas razóns, a corporación municipal manifesta o seu "absoluto rexeitamento e condena de todos os actos de censura que se están producindo no país" e reafirma o seu "compromiso e defensa coa liberdade de expresión e artística", e o "total apoio ao mundo cultural", xa que "sen cultura non hai democracia".

"A cultura é un dereito fundamental que, na súa creación, expresión e acceso, non debería someterse a ningún tipo de censura", reafirma o texto.

Ademais, o pleno tamén acordou de forma unánime apoiar o acordo subscrito entre as forzas políticas da corporación municipal e o Foro Cívico de Santiago, que fixa como obxectivos prioritarios para abordar neste mandato o estacionamento do CHUS, a solución á escaseza de vivenda na cidade, a xestión do ciclo integral da auga, a construción da estación de ferrocarril e mercadorías, a creación de chan industrial e dunha oficina de captación de investimentos e o turismo sustentable.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta