Condenado a catro anos por abusar dunha menor mentres ela durmía

Os feitos tiveron lugar na casa dunha amiga.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 31/07/2023 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a catro anos de prisión a un home que abusou sexualmente dunha menor de 17 anos no domicilio dunha das súas amigas, ao que acudiu o procesado en compañía dun amigo.

En concreto, o tribunal considerou que os feitos son constitutivos dun delito de abusos sexuais realizados sobre persoa que está privada de sentido, dado que a moza estaba a durmir no momento dos feitos, polo que non podía prestar consentimento. Os maxistrados relatan na sentenza que o condenado quedou a durmir na vivenda e que se deitou na mesma cama da vítima e da súa amiga. Cando a menor quedou durmida, cometeu os feitos delituosos.

"O relato exposto pola denunciante é persistente en todos os seus termos, resulta coherente coa súa posición previa aos feitos e coa actitude desenvolvida con posterioridade", subliña o tribunal, á vez que indica que "non hai elementos que permitan dubidar de que se atopaba durmindo, así o manifesta na súa declaración e despréndese do contido das mensaxes enviadas".

Así mesmo, os maxistrados sosteñen que non se aprecia "ningún elemento espurio na declaración da denunciante", pois "non hai ningún conflito previo co acusado, nin ningunha ganancia subxectiva de carácter posterior". Na sentenza tamén destacan que a pericial forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) acredita "a existencia dun trastorno ansioso depresivo derivado deste feito traumático".

Ademais da pena de cárcere, o tribunal impúxolle ao acusado cinco anos de liberdade vixiada, a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima durante dez anos e o pago dunha indemnización de 9.000 euros. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.

Xuízo na Audiencia de Ourense
Xuízo na Audiencia de Ourense | Fonte: ÓSCAR PINAL-POOL

Exterior da Audiencia Provincial de Ourense
Exterior da Audiencia Provincial de Ourense | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta