Baixa o paro un 1,2% en xullo en Galicia, a terceira maior caída do Estado

O 59,4% dos parados galegos son mulleres e un 3,6% ten menos de 25 anos. Os sindicatos destacan os datos "excepcionais".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 02/08/2023 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego galegas baixou en 1.579 persoas durante xullo en comparación co mes anterior (-1,22%), segundo datos publicados este mércores polo Ministerio de Traballo e Economía Social, recollidos por Europa Press. No conxunto do estado a baixada foi do -0,42%.

Desta maneira, Galicia situouse como a terceira comunidade autónoma española onde máis baixou o paro en termos absolutos, só por detrás de Andalucía (-5.166 persoas) e de Madrid (-2.926 persoas).

En concreto Galicia quedou con 127.445 desempregados o mes pasado, un 8,87% menos que en xullo de 2022, caendo o paro con máis forza que na media estatal, onde diminuíu en 205.938 persoas nos últimos 12 meses, un 7,14%.

Por provincias, Pontevedra foi onde máis baixou o paro, con 741 desempregados menos en xullo, un 1,48% menos, mentres que na Coruña este dato quedou nos 588, un 1,13% menos. En Ourense baixou en 185 persoas, un 1,23%, e en Lugo fixo o propio en 65, un 0,53%.

Entre outras cifras, o 59,4% dos parados galegos son mulleres e un 3,6% ten menos de 25 anos. Por sectores, un 3,2% pertence á agricultura, mentres que un 10,2% á industria. Na construción traballou un 6,9% dos desempregados galegos, mentres que a maioría, máis dun 70,7%, pertence ao sector servizos, e case un 9% non tivo un emprego previo. Con todo, o paro baixou en todos os sectores en Galicia durante xullo.

Un home pasa por diante da oficina do SEPE
Un home pasa por diante da oficina do SEPE | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press

SINDICATOS

Sindicatos valoraron este mércores os "excepcionais" datos de emprego en Galicia, aínda que pediron cambios nalgunhas materias como as que regulan as causas e o custo dos despedimentos e solicitaron un novo modelo que fomente a industria.

En concreto, desde UGT puxeron en valor os "excepcionais" datos de emprego rexistrados en Galicia grazas, ao seu xuízo, á reforma laboral. Segundo o sindicato, esta normativa permitiu que a temporalidade baixase do 25% ao 15%.

Pola súa banda, Comisións Obreiras (CC.OO.), destacou que a reforma laboral segue impulsando a creación de emprego, cun 30% dos contratos asinados en xullo indefinidos. A CIG reivindicou que os datos de paro en Galicia constatan a necesidade de derrogar a reforma laboral e un cambio de modelo de contratación, ante o descenso da indefinida.

CIFRA MÁIS BAIXA DE TODA A SERIE HISTÓRICA

Tamén a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, valorou a baixada do paro en Galicia, destacando que o desemprego se situou na cifra máis baixa de toda a serie histórica por cuarto mes consecutivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta