Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 03/08/2023 | Actualizada ás 22:00
Transición agraria, pesca, enerxías mariñas renovables, pero tamén universidade e mocidade, cultura, linguas e identidades comúns. Son varios dos temas abordados no primeiro gran cumio das nacións celtas que está tendo lugar desde este xoves en Rennes, capital de Bretaña. Alí, altos representantes dos países celtas traballan por compartir os seus bens, malia intereses ás veces diverxentes, para establecer unha fronte unida fronte a Europa.
Unha fronte celta que sae debilitada para algúns dos seus participantes, especialmente, Galicia, Asturias ou Irlanda do Norte. As dúas primeiras enviaron representantes de segundo rango, no caso galego, ao director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, e a terceira nin siquera participou no evento.
Unha situación que provocou que se dean acordos de alto nivel entre algunhas das nacións participantes, as máis entusiastas, Bretaña, Escocia, Gales, Irlanda ou Cornualles. De feito, o anfitrión, o presidente bretón, Loïg Chesnais-Girard, reclamou medidas concretas, como un Erasmus celta con Escocia e Gales, a creación de novas rutas con Irlanda, asociacións en torno á cultura, as linguas ou a eólica mariña.
"Debemos traballar conxuntamente con asociacións entre os nosos laboratorios e investigadores universitarios, mesmo fóra da Unión Europea, en diferentes ámbitos. Podemos imaxinar vías de cooperación entre os nosos portos para ofrecer aos industriais infraestruturas para servizos de enerxías renovables no mar, o mesmo para a construción de aeroxeradores mariños e o sector da reciclaxe", dixo durante a presentación do foro o presidente bretón.
Dernier grand moment avant l’été, invité aujourd’hui par @LoigCG à #Rennes pour le #ForumCelte avec 8 nations représentées dont la #Bretagne & l’#Irlande ☘️ évidemment. Un moment unique d’échanges et de rencontres. @BrittanyFerries fière de son cœur celtique ! @regionbretagne pic.twitter.com/bbNZb97Rnl
— Jean-Marc Roué (@jmrouebferries) August 3, 2023
E POR QUE A BAIXA REPRESENTACIÓN GALEGA?
Ao foro acudiron destacados dirixentes doutras nacións celtas como Mark Drakeford, primeiro ministro de Gales; Shona Robinson, Viceprimeira Ministra de Escocia ou Linda Taylor, presidenta do Consello de Cornualles. Tamén acudirá Niall Burgess, embaixador da República de Irlanda en Francia. Galicia enviou a un director xeral igual que Asturies representada por unha cargo de segundo grao, a directora xeral de Transicións do Principado, María Belarmina Díaz Aguado.
O presidente galego, Alfonso Rueda xustificou este xoves a presenza de Gamallo e dixo que Galicia estivo "moi ben representada" con el. E iso, a pesar de que, inicialmente, en abril, estaba confirmada a presencia do vicepresidente, Diego Calvo. "A xuntanza inicial foi suspendida por unha reunión telemática a que asistiu tamén o vicepresidente. Non hai ningunha dúbida do noso compromiso e da nosa disposición", contestou Rueda tras preguntarlle Galicia Confidencial pola presencia dun cargo de segundo orde nese foro.
"O vicepresidente non está de vacacións. Estivo no consello e estivo traballando estes días", dixo ao tempo que defendeu o papel de Gamallo "que representou a Galicia durante moitos anos en foros de moi alto nivel e así o fará neste".
CRÍTICAS DO BNG
Non pensa o mesmo o BNG. A deputada Montse Prado criticou que a Xunta do PPdeG "só mira para Madrid" e "non ten ningunha aspiración para Galicia como nación". "O PP só se deixa cegar polos intereses de Madrid, só mira para Madrid, só importa o que vende en Madrid e a submisión total do que din en Madrid", dixo.
Preguntada en rolda de prensa sobre esta cuestión, Prado denunciou que ten a Galicia "sumida cada vez máis na irrelevancia" e non demanda competencias nin demanda orzamentos suficientes para atender servizos básicos como a sanidade. "Máis alá de declaracións rimbombantes non se concreta nada e isto --o foro celta-- é so un exemplo diso".
"O Partido Poular demostrou xa que non ten ningunha aspiración para Galicia como nación e cando ti non consideras que a nación onde gobernas ten que ter protagonismo por si mesma o resultado é este", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.