PPdeG e PSdeG trasladan o enfrentamento en Vigo á Deputación de Pontevedra

Nova organización do organismo provincial con redución do 48% en gasto público. Os populares ofrecían 3 dedicacións exclusivas e 3 asesores aos socialistas se "rectificaban" coa sede en Vigo. Os socialistas anuncian que levarán esta "chantaxe" aos tribunais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2023 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

Este venres é un "día intenso" na Deputación de Pontevedra, segundo valorou o presidente desta administración provincial, Luis López, "hoxe iniciamos a nosa andaina como goberno coa preceptiva repartición de áreas competenciais" establecendo unha nova organización na que destacou a redución do 48% en gasto público.

Segundo Luis López, no novo Executivo provincial aspiran a ser "o equipo da mellor Pontevedra". "Nel están os mellores en cada posición", engadiu facendo un símil deportivo. O presidente da Deputación de Pontevedra considera que "a provincia precisa da mellor xestión" e nese sentido presume da "experiencia e talento" que ten o equipo de goberno e coas "ganas e iniciativa" que demanda o "dinamismo" da provincia.

PLENO DE ORGANIZACIÓN

Luis López presidiu este venres o Pleno de organización do actual mandato, onde se abordaron cuestións como o réxime de sesións plenarias, a composición das comisións informativas, o nomeamento dos representantes en órganos colexiados, o persoal eventual e as dotacións económicas e dedicacións do grupo de goberno.

O réxime de sesións dos plenos quedará fixado o último venres de cada mes ás 12.00 horas, como viña sendo habitual. Tamén se fixan dez comisións informativas que estarán 9 deputados do PP, 6 do PSOE e 2 do BNG.

Ademais nomeáronse no pleno os representantes da Deputación nos distintos órganos colexiados, ademais do persoal eventual, as dotacións económicas e dedicacións exclusivas que o grupo de goberno terá tres, a do presidente e dous deputados máis e outro tres dedicacións parciais (ao 85, 79 e 50%).

"CHANTAXE"

Segundo asegurou Luis López, "aforrarase a todos os pontevedreses un 48% en gasto público con respecto ao último ano da anterior corporación". "Tamén vai supor un 19% de aforro en persoal eventual", engadiu. Concretamente, de 713.000 euros pásase a 367.000 e no caso do persoal eventual de 1,2 millóns de euros pásase a 978.000 euros, segundo os datos ofrecidos polo presidente.

Luis López lamentou chegar a este pleno sen acordo neste punto co Partido Socialista, ao contrario do que ocorreu co BNG ao que os populares agradeceron a súa disposición. Os nacionalistas presecinden de dedicacións exclusivas e contarán cun asesor de comunicación.

Este enfrontamento entre PP e PSOE escenificouse no ton bronco das intervencións dos portavoces dos dous grupos, Jorge Cubela e Carlos López Font, respectivamente. Tal e como explicou Luís López a cuestión viña marcada pola "situación surrealista e indesexable" coa que se atopou o PP ao chegar á Deputación debido ao "desafiuzamento exprés da nosa sede en Vigo" algo que achacou "a un Concello e un partido que non soubo respectar unha decisión libre e democrática dos pontevedreses" nas eleccións municipais do 28 de maio.

Con estes argumentos o Partido Popular mostrouse disposto a aprobar a petición de 3 dedicacións exclusivas e de 3 asesores que expuñan os socialistas a cambio dunha "rectificación" con respecto á sede de Vigo, unha "conditio sine qua non" que López Font cualificou de "chantaxe" e anunciou que o PSOE a denunciará nos tribunais de xustiza.

"Este goberno provincial non pode ser refén de ambicións persoais de ninguén", dixo Font en referencia á deputada viguesa Marta Fernández-Tapias. En cambio, non houbo problema para aprobar a dotación económica mensual de 2.000 euros por grupo máis unha achega de 900 euros por cada deputado, asunto que foi aprobado por unanimidade.

REPARTICIÓN DE ÁREAS DE XESTIÓN

No novo goberno da Deputación de Pontevedra será a vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, que se encargará das áreas de Deportes e Cultura mentres que o vicepresidente Rafa Domínguez será responsable de Economía e Impulso ao Emprego, Museo Provincial e do convento de Santa Clara.

O alcalde da Estrada, José López Campos, dirixirá Cooperación Local e Emerxencias, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, a área de Turismo. Reto Demográfico, Mocidade e Desenvolvemento Rural será xestionada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mentres que Asistencia aos Concellos, Transparencia e Administración Xeral será responsabilidade de Jesús Vázquez-Almuíña, alcalde de Baiona. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, encargarase de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, de Xestión Tributaria, Patrimonio e Formación; e o da Guarda, Roberto Carrero, de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais. O deputado provincial Marcos Guisasola levará Medio Ambiente e Mar; Sandra Bastos liderará Igualdade e Benestar Social; Isabel Couselo Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación; e Javier Tourís farase cargo de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos.

Pleno da Deputación de Pontevedra no que foron aprobados os orzamentos da institución para 2023. RAFA ESTEVEZ
Pleno da Deputación de Pontevedra no que foron aprobados os orzamentos da institución para 2023. RAFA ESTEVEZ | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta