Santiago anuncia cambios no transporte coa incorporación dun bus nocturno

Xan Duro anuncia reunións para saber a opinión da veciñanza. O PP di que o transporte "é un mal endémico" de Compostela Aberta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2023 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago terá que reiniciar desde o principio o proceso de licitación do novo contrato de transporte público urbano da cidade, que fora aprobado no mes de abril, un trámite que estiman que atrasará a nova concesión algo máis dun ano e que aproveitarán para introducir algúns cambios, como un autobús nocturno que conecte o centro cos barrios periféricos.

A decisión deriva tanto dos recursos presentados polas empresas contra o concurso como da aprobación o pasado mes de xullo dun novo convenio colectivo para o sector do transporte de viaxeiros, que inclúe incrementos retributivos e, por tanto, supón "unha modificación substancial das condicións económicas do contrato".

Así o dixo a alcaldesa, Goretti Sanmartín, que compareceu en rolda de prensa para anunciar esta decisión en compañía do concelleiro competente na materia, Xan Duro. A asesoría xurídica, apuntou Sanmartín, estimou que, con estes cambios non é suficiente facer modificacións puntuais da actual licitación, polo que, "infelizmente", será necesario "un novo procedemento", que atrasará os prazos do novo contrato, estiman, ao redor de algo máis dun ano.

Será, engadiu a alcaldesa, unha "prioridade máxima" para o goberno local, que se porá a "traballar de maneira intensa desde xa" no novo procedemento. Aínda que en liñas xerais manterase o proxecto, que introducía melloras con respecto ao servizo actual como unha liña propia ata o aeroporto, Goretti Sanmartín viu esta situación tamén "unha oportunidade" para "introducir algunhas melloras" nos pregos, como unha liña de bus nocturno, aumento dalgunhas frecuencias ou máis servizo ao rural.

En setembro, engadiu Xan Duro, convocarase a comisión de seguimento do Pacto Local de Mobilidade e desde o concello trasladarase ao tecido social e asociativo cal é a situación do transporte, para escoitar as súas demandas. A intención, apuntou Duro, é que os veciños "se impliquen neste proceso", dado que se trata dun convenio de longa duración e que implica un importante investimento municipal.

Un autobús na estación de autobuses
Un autobús na estación de autobuses | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo

CRÍTICAS DO PPdeG

Pola súa banda, o PP de Santiago cre que o anuncio realizado este mércores pola alcaldesa en relación á necesidade de reiniciar a licitación do transporte urbano público é "a peor noticia" e acusou a Compostela Aberta, que ten as competencias de transporte, de convertelo nun "mal endémico" para a cidade.

Para o edil popular Adrián Vila, este anuncio é "a peor noticia deste mes de agosto para Santiago", xa que, apuntou, supón que a cidade non terá un novo contrato de transporte público "ata 2025". Por iso, preguntou á alcaldesa se "está satisfeita de dar as competencias de transporte a Compostela Aberta", un partido que "en 2016 converteu o contrato do transporte urbano nun mal endémico".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta