Morre afogado un menor na praia dos Franceses, en A Veiga

Foi o propio pai da vítima o que contactou co 112 para alertar de que non vira saír ao seu fillo da auga. Cando chegaron os servizos de emerxencia, atoparon ao menor na beira da praia e a pesar dos intentos de reanimación nada se puido facer por salvarlle a vida.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/08/2023 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

Un menor de idade morreu este venres por afogamento na praia dos Franceses, en A Veiga, segundo informou Emerxencias 112 de Galicia. O suceso produciuse sobre as 20.15 horas. A esa hora, o pai da vítima contactaba co 112 para alertar de que non vira saír ao seu fillo da auga.

Ata o lugar desprazáronse efectivos de Bombeiros de Valdeorras, sanitarios, Garda Civil, GES A Veiga, persoal do Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia e Protección Civil. 
Segundo relataba á central de emerxencias, o pai sospeitaba que lle puido pasar algo, xa que, cando nadaba en compañía duns compañeiros na praia fluvial dos Franceses, observou como daba a volta, sen poder chegar a terra.

Praia dos Franceses, en A Veiga
Praia dos Franceses, en A Veiga | Fonte: Valdeorrasdecerca

Finalmente, poucos minutos despois, atoparon ao menor na beira. A pesar dos intentos de reanimación entre os profesionais sanitarios e particulares que se atopaban no lugar, nada se puido facer por salvarlle a vida. Ata o lugar tamén se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

UN EQUIPO DE PSICÓLOGOS DESPRAZOUSE PARA ATENDER Á FAMILIA

Tras confirmarse o falecemento do mozo, o 112 Galicia informou ao equipo de psicólogos do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce) para que se desprazase á zona a prestarlle apoio á familia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta