O BNG insta á Xunta a cesar "presións" a inspectores de residencias e o PP pide "prudencia" ante estas acusacións

O deputado do BNG Luís Bará asegurou que "chove sobre mollado", xa que as denuncias veñen de longo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2023 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Luís Bará volveu a instar á Xunta a investigar a denuncia da Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais sobre a "filtración" a empresas de residencias de persoas maiores das datas e horas nas que van recibir a visita dos servizos de Inspección, así como que cese as "presións" que asegura reciben os profesionais deste servizo, mentres que o viceportavoz do PPdeG no Parlamento, Alberto Pazos, pediu "prudencia e responsabilidade" e "non pór en dúbida" o traballo dos funcionarios.

En rolda de prensa este luns na Cámara galega, Bará asegurou que "chove sobre mollado", xa que esta asociación e "outros colectivos" denuncian "sistematicamente a conivencia da Xunta coas residencias privadas". Ademais, sinalou que agora coñeceron "presións a inspectores" tras denunciar publicamente esta situación. "Estamos ante unha práctica que consideramos dunha auténtica Gestapo dentro da Consellería de Política Social, que pretende presionar, amedrentar e amordazar aos funcionarios públicos", reprochou.

Así, pediu á Consellería que "atalle dunha vez por todas esta campaña de presións" e tome "as medidas pertinentes para investigar estes feitos, depurar responsabilidades e garantir que as inspeccións se produzan con todas as garantías". Pola súa banda, a preguntas dos xornalistas, o popular Alberto Pazos lembrou que "estas denuncias non son novas", posto que "xa se realizaron hai meses en sede parlamentaria" e ante o que, na súa opinión, "non se pode pór en dúbida o bo facer de funcionarios públicos de maneira gratuíta sen achegar probas".

"Sempre estamos a favor de que se practique a maior transparencia, pero iso ten que vir acompañado dalgunha proba", insistiu o viceportavoz parlamentario do PPdeG. A Consellería que dirixe Fabiola García xa negara a pasada semana estas acusacións por parte da Asociación Galega de Inspectoras e Inspectores de Servizos Sociais (Agiss) de "filtracións" a centros de maiores de datas nas que van acudir os inspectores.

Un ancián recibe atención
Un ancián recibe atención | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta