15 toneladas, a cantidade de lixo retirada da ría de Betanzos pola ONG Fragas do Mandeo

Dende 2014 levan recollido máis de 34 toneladas de lixo a través de diferentes accións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/08/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A ONG Fragas do Mandeo remata a súa campaña para recoller lixo durante doce meses na marisma do río Mandeo, usando unha embarcación e coa colaboración do voluntariado. A operación cerrase con 15 toneladas de lixo retiradas da ría de Betanzos.

Voluntarios para a recollida de lixo en Galicia
Voluntarios para a recollida de lixo en Galicia | Fonte: EP-DAVID F SABADELL

O pasado domingo día 20 rematou a campaña de Fragas do Mandeo bautizada como 

«Basuraleza: 12 meses, 12 toneladas», superando amplamente o obxectivo previsto. A campaña naceu fai un ano cando a asociación mercaba unha lancha para este mesmo propósito, realizar limpezas semanais na marisma do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, superando neste período a cantidade de lixo posta como mínimo a retirar. 

O balance destes últimos doce meses é a retirada de máis de 15 toneladas de lixo

(exactamente 15.053,95 kg), apañadas en 42 saídas coa lancha, grazas á colaboración de oito persoas, superando así amplamente o reto establecido no seu día.

TIPOS DE REFUGALLOS

A natureza dos refugallos atopados no sector da marisma pertencente ó termo municipal betanceiro e apuntan claramente a unha orixe urbana e á festa dos Caneiros. Soamente en zonas próximas ó Pedrido ―concellos de Bergondo e Paderne― pode falarse de procedencia mariña, pois alí xa se atopan restos de artes de pesca, do marisqueo e de actividades náuticas, arrastrados polas mareas.

Os refugallos atopados son do máis variado. Destacan as botellas de vidro de diversas bebidas e tamén as de plástico, moitas delas aínda con parte do seu contido orixinal. Sorprende a abundancia de pelotas e outros xoguetes, entre eles numerosas pistolas de auga. Aparece moita roupa e calzado. Tamén é salientable o elevado número de acendedores desbotables, así como de palillos de piruletas e de bastonciños de limpeza dos ouvidos. Calquera obxecto cotián pode aparecer na xunqueira , incluso encontraron lavabos e mailos sanitarios.

CANTIDADES

Se a cifra do recollido nestes doce meses xa é de por si notable, hai que lembrar esta limpeza non foi a única. No ano 2014 organizouse primeira eco-regata para limpar a ría, coa colaboración de varias entidades. Tras sete edicións, lograronse recoller 18.144,65 kg, e un par de xornadas de voluntariado na xunqueira de Souto apañaron 1.086,50 kg, o total do que levan retirado na marisma de Betanzos suma máis de 34 toneladas de lixo (34.285,10 kg).

NOVA EDICIÓN ECO-REGATA

Na marisma aínda queda unha gran cantidade de lixo. Por ese motivo, seguirase programando xornadas de limpeza. De feito, está previsto celebrar a oitava edición 

da eco-regata o sábado 16 de setembro, pola tarde, invitando a participar na organización ás entidades que xa apoiaron este evento en edicións precedentes. Con esta actividade búscase implicar á cidadanía, tanto a propietarios de lanchas como ó voluntariado, na conservación deste espazo natural protexido.

CONSTANCIA

A ría de Betanzos é un patrimonio natural con gran valor ambiental e paisaxístico, polo 

que merece ser conservado entre todos, para beneficio das xeracións actuais e futuras.

A súa preservación tamén ten implicacións económicas nos sectores turístico e produtivo, pois a marisma é un viveiro de especies comerciais piscícolas e marisqueiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta