O BNG "engraxado" neste novo curso político para "acadar o cambio en Galiza"

O grupo parlamentar fará propostas para combater a grave situación económica, sanitaria, social e ambiental do país.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/08/2023 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

Os deputados e deputadas do BNG celebraron hoxe no Parlamento a primeira reunión do novo curso político con toda a “máquina engraxada” para dar resposta a un período de sesións que vén marcado pola proximidade das eleccións autonómicas, unha “oportunidade histórica” que a forza nacionalista afronta co convencemento de liderar o cambio de rumbo que precisa Galicia.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, tras a reunión da Executiva Nacional
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, tras a reunión da Executiva Nacional

“O Bloque quere facer historia coa primeira presidenta da historia de Galiza, liderando un proxecto transformador no País. E para conseguilo, o grupo parlamentar ten xa a  maquinaria engraxada”, declarou o viceportavoz Luís Bará, que anticipou un “intenso traballo” das deputadas e dos deputados do BNG para facer posible o cambio.

Na súa primeira reunión do curso, presidida pola portavoz, Ana Pontón, o grupo parlamentar avanzou así a presentación de propostas “ambiciosas e transformadoras” para impulsar o autogoberno, a transformación tecnolóxica, o desenvolvemento industrial, o fortalecemento dos sectores produtivos ou a mellora dos servizos públicos esenciais. A axenda do cambio na que traballan xa os deputados e deputadas pasa tamén polas melloras na financiación de Galicia, un modelo fiscal máis xusto, un novo modelo enerxético ou medidas para a loita contra o cambio climático.

De maneira máis inmediata, segundo explicou Bará, o Bloque vai presentar neste comezo de curso iniciativas centradas en combater a grave situación económica, sanitaria, social e ambiental. En concreto, propostas para axudar ás familias galegas a afrontar o gastos do inicio do curso escolar “fronte á parálise e desidia que demostra nesta materia o Goberno do PP,  absolutamente insensible ás dificultades que atravesan os galegos e as galegas”, dixo Bará.

Outro dos fitos do novo período de sesións será o Debate do Estado de Galicia, no que o Bloque exporá a súa alternativa de goberno e para un novo modelo de desenvolvemento do  país  “fronte a declive e o desastre das políticas do PP nos últimos anos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta