Rueda a favor de que as eleccións galegas coincidan coas vascas mais "cada un ten as súas circunstancias"

Para Alfonso Rueda, as declaracións do lehendakari, Iñigo Urkullu, "non pode, loxicamente, condicionar ningunha decisión que afecte a algo tan importante como é a data electoral en Galicia".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/08/2023 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, considera que "estaría ben" que as eleccións vascas e galegas poidan coincidir no mesmo día, como ocorreu durante as últimas convocatorias, aínda que puntualizou que "cada un ten as súas circunstancias".

"Teremos que tomar decisións en función do que máis conveña a cada territorio", sinalou o xefe do Executivo galego en declaracións aos medios este mércores na localidade pontevedresa de Poio.

Alí, descartou a existencia de "novidades" en Galicia ao ser preguntado sobre unha posible convocatoria electoral no País Vasco para o 9 de xuño de 2024, o mesmo día que as eleccións europeas.

Para Alfonso Rueda, as declaracións do lehendakari, Iñigo Urkullu, "non pode, loxicamente, condicionar ningunha decisión que afecte a algo tan importante como é a data electoral en Galicia".

O presidente da Xunta sinalou que se pensase unicamente nunha "perspectiva puramente electoral en Galicia" xa convocaría as eleccións o 23 de xullo.

Rueda lembrou que cando o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou o adianto das xerais, el manifestou que o PP tería un "moi bo resultado" na Comunidade galega.

"Non tomarei a decisión de convocar eleccións pensando noutra cousa que non sexa os intereses de Galicia", remarcou, antes de incidir en que "nunca" será enfocado no "interese electoral do PP".

Para o presidente da Xunta, Galicia necesita nestes momentos "estabilidade" e "certezas" e que se siga gobernando "con firmeza, normalidade e resolvendo problemas" fronte a "toda esta parálise" derivada dos resultados das últimas eleccións en España.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visita a Escola de Cantaría. XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visita a Escola de Cantaría. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta