A Feira Franca de Pontevedra terá un plan especial de seguridade e tráfico

Durante a celebración Feira Franca habilitarase un posto médico avanzado no Teatro Principal, un hospital de campaña e haberá tres ambulancias mecanizadas así como unha UVI móbil.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2023 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra deseñou un plan especial de seguridade e tráfico que se activará durante a celebración da Feira Franca a partir deste venres, 1 de setembro. A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, informou de todos os detalles deste operativo no que están implicados os servizos de emerxencia e os corpos de seguridade para prever calquera incidencia ante o elevado número de persoas que se espera que participen na Feira Franca.

Eva Vilaverde incidiu en que, a partir das 10 horas do sábado, un equipo inspeccionará os postos co fin de que se adapten as normas establecidas pola organización, como que as grellas só utilicen carbón, que dispoñan de extintores preto, que conten con autorización previa para ocupación ou que non impidan o paso nas vías de acceso e evacuación.

Durante a celebración Feira Franca habilitarase un posto médico avanzado no Teatro Principal, un hospital de campaña e haberá tres ambulancias mecanizadas así como unha UVI móbil. Tamén se instalará un posto de bombeiros na praza de España e outro posto fixo de Protección Civil na praza de Ourense xunto cun 'punto violeta' para ofrecer a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres.

TRÁFICO DE PERSOAS E DE VEHÍCULOS

No referido tanto ao tránsito de persoas como de vehículos, tamén se contempla un plan especial de circulación. Todas as zonas onde se celebra a Feira Franca gozarán de libre acceso para os peóns, coa previsión de aglomeracións nas zonas de Praza de España, Michelena, Praza da Ferrería, Soportais e Praza de Curros Enríquez.

Ademais, durante a saída e entrada aos dous pases do torneo medieval, prodúcense grandes movementos de persoas na Praza de Touros. En canto ao tránsito e estacionamento de vehículos, a concelleira lembrou a imposibilidade de deixar o coche en puntos onde xa está prohibido (carga e descarga, vaos, paradas de taxis, ou servizos máis aló o tempo establecido).

Queda prohibida a circulación de vehículos nas rúas do centro histórico a partir do sábado, ás 10,00 horas, así como nas rúas Arcebispo Malvar, Pardo Bazán, Alameda, Galera, Benito Corbal (tramo peonil), Peregrina (tramo peonil) e Michelena. A parada de taxis estará situada desde as 22 horas do 1 de setembro na avenida de Buenos Aires, ao carón da Ponte de Santiago.

Espérase un tráfico intenso nas rúas Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra entre as 10.30 e as 13.30 horas. Tamén na saída da cidade pola Alameda, Echegaray e Ponte da Barca entre as 12.30 e as 14.30 horas e as 17.00 e as 20.00 horas (coincidindo co torneo medieval).

Vilaverde lembrou a importancia do uso dos aparcadoiros disuasorios ao longo de todo o día e recomendou evitar o uso do vehículo privado durante esta xornada, especialmente nas horas sinaladas, ademais de circular cara ás praias a través da Ponte das Correntes e usar as saídas da cidade pola autoestrada AP-9, tanto norte como sur.

Feira Franca en Pontevedra
Feira Franca en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta