“CxG é de centro-esquerda e apoiará ós galeguistas e socialdemócratas”

Xosé Antón López é o candidato de CxG en Compostela e deixa claro que a súa formación, se entra neste concello axudará a crear unha maioría de progreso. Propón nesta entrevista dividir a cidade en distritos de participación activa da cidadanía e aposta por abrir Compostela ao rural e aos emprendedores.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 06/05/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Xoán Antón López lidera Compromiso por Galicia (CxG) en Compostela tras gañar unhas primarias nas que participaron máis de 400 persoas. Unha participación que, insiste, avala que o proxecto desta formación ten traxectoria e futuro na capital galega.

Xosé Antón López, candidato de CxG en Compostela
Xosé Antón López, candidato de CxG en Compostela

“Santiago sufriu un deterioro enorme na súa marca, e por iso hai que recuperar a política para os cidadáns, para resolverlle os seus problemas”, destaca ao tempo que critica ao rexedor popular, Agustín Hernández, “que ten un problema grande” xa que “dá a impresión que non lle gusta ser alcalde de Santiago”. 

Lembra que o xeito de actuar da administración popular no Concello de Santiago “deu lugar a un sistema corrupto” ao que “hai que poñerlle coto”. Por iso, insiste en devolverlle a cidade á xente a través dun sistema que divida a urbe en distritos de participación activa que decida sobre os grandes asuntos da política municipal.

López foi militante socialista, algo do que non renega, pero lembra que sempre foi derrotado nas ideas que presentaba. “Sempre aceptei iso como demócrata que son e nun momento dado decidín apartarme sen enemistarme con ninguén”, di. Pero aclara que agora está en CxG que é o proxecto que sinte seu por  apostar polo galeguismo e a socialdemócrata, como Miguel Barros, apunta. 

CxG é a primeira vez que se presenta a unhas municipais na cpaital galega. Competirá, ademais con outras oito candidaturas. Que ofrecedes que non ofreza xa outro partido?

Candidatura de Compromiso por Galicia en Compostela, con Xosé Antón López como candidato
Candidatura de Compromiso por Galicia en Compostela, con Xosé Antón López como candidato

Compromiso xa comezou ofrecendo unha nova forma de facer política para elixir candidato, con primarias abertas á sociedade na que participaron 400 persoas das que 300 non tiñan nada que ver con CxG. Logo tamén pretende levar ás institucións, o Concello, un concello transparente e participativo, á cidadanía. Pero non con verbas, senón con feitos e con instrumentos que sexan válidos.

Agora todas as formacións falan de ser participativos, de achegarse á cidadanía. E como o queredes facer vós?

Nós falamos de que se constitúa a figura do representante da oposición para que haxa transparencia na xestión pública. Tamén, por outro lado, que os consellos sectoriais, veciñais teñen que ser preceptivos para tomar decisións, que se consulten pero non só como mera formalidade. E nun terceiro eido, os propios veciños a través dos orzamentos participativos, que teñan mecanismos de consulta. Pero, ademais, nós imos máis alá e queremos dividir a cidade en distritos de participación activa, económicos, onde se poida elixir a uha persoa. Unha fórmula pode ser segundo os resultados electorais e esa persoa pode ser proposta polos partidos políticos, os cidadáns ou as asociacións para desenvolver unha especie de consorcio para as cousas que haxa que facer nese distrito. Iso é descentralización e darlle poder aos cidadáns.

Desculpa pero a min iso xa me soa ao que fai un pedáneo?

Non exactamente. Nós aquí o que queremos é interactuar cos veciños e cos empresarios e que eles sexan os que se involucren nunha parte importante do desenvolvemento da zona. Non é un alcalde-pedáneo. O que nós propomos xa funciona en Barcelona, en Inglaterra. Non é nada novo. Estamos abertos a novas fórmula pero o importante é descentralización e atacar a corrupción.

Precisamente, agora que falas de corrupción ese un dos principais problemas que tivo Compostela nesta lexislatura co PP. Por que se chegou a que hoxe no goberno municipal só estea unha das concelleiras que se elixiron hai catro anos?. 

Pois o xeito de actuar do concello, as licitacións , deron lugar a un sistema corrupto e, a iso, hai que poñerlle coto. E aínda que había un concurso público, con tres empresas, pois non deixou de ser unha parodia. Aí cabe a arbitrariedade e por iso é importante que sexan os veciños que participen nesas decisións. Nós queremos acercar os cidadáns á política para que eles decidan o seu futuro e isto é a custe cero. 

En todo caso, iso de participación, de achegar á xente á política sóame xa moito. É o mesmo que defenden outras formacións que se presentan a estes comicios? 

De distritos de participación non escoitei falar. 

Eu falo do fondo, dos mecanismos de darlle voz aos cidadáns?

E que niso estamos todo. E algúns tiveron tempo de facelo antes e non o fixeron. E Santiago tivo nalgún momento orzamentos participativo, por exemplo.

Cando?

Na época de Manolo Portas comezouse a facer algunha actuación nesa liña.

E que pasou?

Pois abandonouse ese traballo. Por iso nós pensamos que é tempo de mudar formas de facer política. E por iso é importante que os representados poidan fiscalizar aos seus representantes. Ata agora só elixían ao alcalde e logo estes non estaban cos veciños na solución dos problemas e os proxectos xa viñan pechados. Un exemplo é a Carreira do Conde con catro proxectos diferentes.

Ti non es un recén chegado á política. Participaches activamente no PSOE

Pero eu non estiven nunca na primeira liña. Eu era coñecido por ser un militante do PSOE.

Pero participaches en asembleas, en congresos. Deches guerra. De feito, hai quen di que marchaches para CxG porque non te quixeron promocionar dentro do PSOE. É iso certo?

Non é certo. Eu estiven no PSOE nos momentos difíciles cando ser crítico non era doado porque gobernaba Zapatero, Touriño, Moreda e Bugallo e presentei unha alternativa política. Non con ningunha persoa. Eu sempre fun galeguista e socialdemócrata como é CxG. E ademais sempre fun unha persoa moi cercana a Miguel Barros que tamén está en CxG  --é candidato desta formación en Vigo--. Eu no PSOE sempre fun derrotado nas ideas que presentaba e sempre aceptei iso como demócrata que son e nun momento dado decidín apartarme sen enemistarme con ninguén. Tamén quero dicirte que estou moi contento de marchar e non estar no espectáculo  nada agradable que se deu neste último ano no PSOE.

E como ves agora ao PSOE despois de todo este espectáculo que dis que montaron?

E que nin o vexo. Eu estou centrado en construír un proxecto para que CxG poida ser decisivo na corporación do 24M e o que lle desexo é sorte e que resolvan os seus problemas o mellor  posible. E non renuncio o meu pasado pero decidín coller un novo camiño máis cercano a min que é o do galeguismo e a socialdemocracia de CxG.

Falando de resultados. As enquisas non vos dan nada

As enquisas son intencións de voto. É unha foto pero nas eleccións locais as enquisas, ás veces, teñen pouco valor. Estamos plenamente convencidos de que imos ser decisivos no próximo goberno e mesmo é un estímulo que non nos dean nada. Hai tamén medios de comunicación que nin nos citan. Somos un partido pequeniño pero tivemos unhas primarias que foron 400 persoas  pagando dous euros. Na presentación da candidatura foron 300 persoais e isto denota que estamos no bo camiño e dá moita esperanza e iso que non temos moito cartos. Imos casa a casa e parroquia a parroquia e somos unha candidatura de homes e mulleres na que todos traballan, viven ou teñen negocio en Santiago e estamos moi relacionados coa sociedade de Santiago. 

É certo que sorprendeu a alta participación nas vosas primarias pero houbo quen falou de carretaxe, como tamén falaron de carretaxe nas primarias de Ourense en Común

En Santiago non carretamos a ninguén. Aquí veu libremente. Eso do carretaxe hai que poñelo nos seus xustos termo. Chamar a miña prima que vive en Madrid para que vote, iso é carretaxe?. Dicirllelo á veciña, é carretaxe?. Nós puxemos unhas condicións que era estar censado en Santiago e ter unha mínima idade, e logo a xente votou. É un tema que me molesta. Eu entendo por carretaxe o problema que hai nalgún asilo que levan xente que non están nas condicións para votar. Na democracia hai que saber gañar e perder. Acusar a CxG de carretaxe en Santiago non sería correcto. 

En Santiago dis que non, e en Ourense?

Pois non o sei porque non estaba alí, pero alí tiñan un regulamento  contario ao que tiñamos en Santiago que, por certo, non fixo CxG. Así podía votar xente de toda a provincia e ao mellor ese regulamento estaba mal feito. Eu penso que tiña que votar só xente da localidade. Imaxíate ti en Inglaterra que vaia xente a votar doutro distrito. E o problema foi de regulamento e iso había que previlo e aceptar os resultados.

E que sempre se asociou o carretaxe ao PP. Agora mesmo hai unha denuncia do PSdeG en Ourense por presunta carretaxe. En Santiago dánse estas prácticas entre os grandes partidos?

Eu penso que non porque mira que houbo cambio de goberno e a xente varía de votos máis alá de pequenas circunstancias dalgún asilo ou dalgún sitio concreto. Pero máis alá de pequenas cousas non hai. O importante é falar de proxecto de cidade.

Tes razón. Pois fálame entón dese proxecto de cidade que tedes vós?

Pois sacamos 17 puntos o outro día sobre esta cuestión. Falamos de rehabilitar para vivir e non só no casco histórico, que hai que enchelo de nenos e nenas. Tamén falamos da Praza de Abastos para que sexa un centro neurálxico de todo o que se venda en Santiago.  Falamos do ocio e deporte nas Brañas do Sar que están abandonadas, do gran aeroporto de Santiago. Falamos dun concello biosustentable e tamén de temas concretos como a supresión deste sistema Ora e que un cidadán de Santiago teña tres horas de aparcamento gratis e reformular a zona verde. Tamén do comercio como motor económico e que foi erro sacar o comercio de proximidade porque restan valor e xeran marxinalidade. Tamén do transporte público para todos independentemente de onde se vivan e unir o rural e a cidade. Falamos de industria diversificada, do turismo e de potenciar a empresa. Tamén a vivenda que ten que ser un dereito e dunha cidade viva, culta e musical. Falamos de servizos básicos e dun concello da igualdade...

Chámame atención que nunha cidade con Santiago haxa tanto rural e non se fale tanto del. Que propoñedes vós neste punto?.

Pois é certo que está moi desaproveitado. O concello pode elixir gastar, como xa fai, 700.000 euros na Carreira do Conde e un millón en Montero Ríos ou darlle servizo ao rural. Servizo básicos; auga, sumidoiros, pistas, beirarrúas e facer un plan de mobilidade de toda a área metropolitana. Non pode ser que unha persoa en Villestro non teña un bus de venres a luns. O rural é un potencial non un atranco.  E hai que facer unha aposta seria.

Non podo rematar a entrevista sen preguntarte por Compostela Aberta. Como non houbo un acordo cos grupos que a integran como pasou coa Marea Atlántica?

Nós fixemos unhas primarias en outubro con tempo suficiente. Nós chegamos á política con todo o rigor e teremos erros e acertos, pero queremos ser rigurosos e, por iso, fixemos as primarias. Pero, CA que non ten nada que ver coa Marea da Coruña. Os regulamentos para elixir candidato en CA non ten nada que ver cos da Marea Atlática. Alí, por exemplo, pedían que o candidato tiña que estar censado na Coruña e aquí non. O proceso foi lento, moi tardío e pensamos que o candidato que se tiña que presentar nas eleccións locais tiña que ter un período importante para darse a coñecer. E para ser alcalde debería ter un proceso máis amplo de participación e interacción coa cidadanía e non puido ser este proceso. Por iso, nos sentimos orgullosos do noso proceso sen darlle clases a outros.

Cres entón que en CA se fixo todo a correr?

Digamos que eu síntome máis identificado co procedemento da marea da Coruña que o de Compostela Aberta. Pero só é unha opinión miña.

En todo cso, CxG apoiaría un goberno de esquerdas se o PPdeG non ten maioría absoluta?

CxG é un partido de esquerda, de centro-esquerda, e está situado onde está situado e co PP ten pouco que ver. Nós queremos en Compostela un goberno de progreso, distinto ao que hai. Tamén dicimos que nós se somos decisivos na formación dese goberno o máis importante é o proxecto. Nós non vimos á política contra ninguén, senón para executar un proxecto. E por iso apoiariamos e estariamos no espectro natural noso, o galeguismo e a socialdemocracia.

Agustín Hernández é o terceiro alcalde en menos de catro anos nun concello salpicado por numerosos escándalos. Como ves ao actual rexedor ao que están apoiando abertamente algúns medios?

Os medios habitualmente apoian ao poder. Santiago sufriu un deterioro enorme na súa marca, e por iso hai que recuperar a política para os cidadáns, para resolverlle os seus problemas. No caso de Agustín Hernández ten un problema grande e dá a impresión que non lle gusta ser alcalde de Santiago. Tocoulle ser por lealdade con Feijóo, pero reralmente dentro da súa cabeza nunca estivo o de ser alcalde desta cidade. Foi deputado por Pontevedra e penso que é un handicap importante. Para ser alcalde tes que adoptar á cidade no teu corazón e levala dentro como se fora túa. O problema del é que estaba máis cómodo na súa consellería e que non quere ser alcalde. E se non gaña non vai ser o xefe da oposición.

Antes de rematar. Móllate e aventura un resultados para CxG?

Senón se mollan as enquisas con nos pois nós non nos mollamos. Só che podo dicir que imos ser decisivos nas eleccións e o 24M. Seremos unha sorpresa electoral especialmente para as enquisas, non para os cidadáns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

8 antipodemos

CxG en total non quitará moitos votos pero vai estar máis perto ca nunca do Bloco porque a óstea que se vai comer é brutal. En Compostela Rubén Cela con sorte sae concellal e pouco mais. Se fose a muller de Vence tal como ela quere desde hai anosigual sacabn dous concellais mais o Bloco é Marca Maldita. Martiño será alcalde e os do Bloco lle faran asinar de quen é a acta. Non é o millor nin santiago é a sua devozón mais ten un bon equipo de concellais.

1 Comunista

Insultos, insultos, e máis insultos. Eses son os "argumentos" dos trolls a soldo do BnG. Un 10 para os responsables de "formación" bloqueira.

2 antipodemos

logo unha campanha cindada ten que ser pobre? Desde cando? Lamentavel foi nas ultimas municipais o Bloco con sticks de 4cm2 coa cara de Ruben Cela. Ese era o marketing do Bloco e niso gastaban os cuartos dos bancos e da sua divida millonária. Agora son os guais da carpa-movel mais cantos locais ten o Bloco em Santiago todo o ano? E todos apartados da cibdadania, un no Home Santo outro en Rgued Viguri e outro na Avenida de Lugo. E todos cun minimo de 2trabalhadores. eu nao o critico mais iso si que é queimar cartos e non os 4000€ do Toral...

7 SrMainstream

Estas creo que serán as eleccions onde CxG por fin despegue. Acandaremos varios alcaldes, como en Maceda, e agardo que entre eles tamén estéa Lalín co noso gran compañeiro Rafael Cuíña. E de aqui, a crear un proxecto solido cara as galegas de 2016, onde si ou si temos que botar ao malnacido de Feijoo, que e o que queremos tanto nos como os haters que entran nesta nova a botar bilis.

6 Daniela

¿Centro-esquerda? Ja,ja,ja. En Lalín, el fillo del millonario presume de que le apoya la vieja guardia del PP, que son más fachas que Franco.

1 cariño-darling

Segue a contar trolas, que tedes medo que o cacique-alcalde de Lalín e o cacique-presidente da Deputación queden sen poder contar cartos, como o voso amigo Rus.

2 SrMainstream

pero é que filliña, ainda non sabes como funciona o rural galego, o cal non entende de esquerdaas dereitas?

3 galiza ceibe

Pois adiante CxG, e adiante BNG. Avante a toda porque precisamos toda a força contra o nacionalismo espanhol, os que nos organiçan os nossos recursos, e inda por riba chamándonos gayegos de m3rda

5 picheleiro

Un candidato con ideas, que coñece a cidade, que non é un político profesional e que leva tempo traballando un proxecto. Vai dar a sorpresa.

4 Pim pam pum

Pero qué gazpacho é este de CxG? O neto do muiñeiro e da gran empresaria Sra Isolina, ex socialistas, ex peperos, ex de todos os lados... Buf!!! Este prato non hai quen o trague!

1 ex-pertos manipuladores

Carai, que te esquecias, ex do Beneguai... sobretodo, ex do Beneguai. Agora traga ou escupe o fel!

2 dígocho ou dismo

Xente que se cansou de ver o que facían as cúpulas dos seus partidos e decidiu respirar aire puro, sen contaminar. Algúns caen nunha seita e non poden saír, outras levántanse e seguen a andar.